Fálase da integración social dos minusválidos, de favorecer os accesos, de darlles traballo, de? Fálase, pero como di o refrán galego, da palabra ao feito vai un grande treito. E digo esto con experiencia dabondo neste campo. Son minusválido desde, que pronto se di, desde hai catorce anos, e sigo e seguirei loitando para que se cumpran as leis de accesibilidade, en solitario, e denunciando públicamente o seu incumprimento, sen éxito pola miña parte, porque non vexo que se corrixa. Fíxeno no seu día polos vergoñentos accesos ao Hospital de Vigo, ás instalacións do IFEVI de Vigo, ao Parador Nacional de Turismo de Baiona, ás deficiencias atopadas na T4 do aeroporto de Barajas, en hoteis de 5 estrelas en Lugo e en Sevilla, os baños da autopista en Irún, o edificio da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra, etc, etc.
E sigo defendendo en solitario, por moitos minusválidos que o necesitan, porque non hai quen defenda algo que está lexislado e que debera cumplirse sen máis. Porque a Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración social dos minusválidos no art.58 di: «...as normas técnicas básicas sobre edificación incluirán previsións relativas ás condicións mínimas que deberán reunir os edificios de calquera tipo para permitir a accesibilidade dos minusválidos» e na Lei 8/1997 do 20 de agosto de accesibilidade e supresión de barreiras en Galicia estipúlase que «un polo menos dos accesos peonís ao interior dos edificios de uso público deberá estar deseñado e executado de forma que cumpra as condicións establecidas para itinerarios adaptados ou practicables, segundo o caso».
O outro día asistín ao grandioso espectáculo do Circo do Sol que tivo lugar en Santiago, para o cal tiven que retirar as entradas con catro meses de antelación e pagar unha importante suma de euros para asistir. O citado espectáculo tiña lugar no Multiusos do Sar. Como xa sei o que pasa, aínda que teña reservado teño que ir con tempo. Ademais, como era unha tarde de moita chuvia, fun con dúas horas de antelación para coller sitio. Mellor dito para comprobar que non había sitio adaptado a discapacitados. O Multiusos moi ben, pero o sitio recomendado para o meu aparcamento, o reservado para discapacitados, non daba acceso ao estadio, polo que, segundo me indican da organización, o máis axeitado era unha braña que hai ao pe da entrada, onde nada máis baixar do coche, e coller a cadeira de rodas quedei enterrado na lama. Con algo de axuda, e despois de enlamarme o traxe, optamos por volver a subir ao coche e baixarme diante da entrada, coa valiosa axuda de alguén que me volvera o coche ao aparcamento, é decir, á braña ou lameiro. Nesta sorte atopábame diante da entrada, pero sen modo nin maneira de acceder, pois non había rampas de acceso para superar as escaleiras da entrada. Agradecín moito a uns xenerosos espectadores que tiveron a amabilidade de levantarme en peso e superar os obstáculos. Unha vez na entrada, comprobo que non podía acceder á butaca que tiña reservada e pagada de catro meses antes. Non, o meu destino era detrás do valado de acceso. No galiñeiro. Onde o prezo soe ser moito máis barato. Onde non se ve o espectáculo. Pero non me descontaron o xa pagado por unha boa butaca. Esta é a integración social do discapacitado. E se esto pasa na capital de Galicia, ¿qué pasará nun concello galego sen moitos recursos?
¿Esto non é cousa dos políticos? ¿Non estamos cansados de ver carteis que din ?estamos traballando por vostede?? E digo eu: ¿esto estaría arranxado se partira un raio ao presidente?. E non digo matalo, non, bastaría cunha pequena paraplexia, e tivera que ser el o que subira esa rampa. Daquela aplicaríase a lei ? ¿ou subiríano colgado dun gancho?