Chegou o momento para o sector lácteo

Ramón Santalla / secretario de Ganadería de UPA

DEZA

28 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Somos os principais produtores de España achegando máis dun 35% do total e temos duplicado a nosa produción nos últimos trinta anos. Todo froito dun esforzo continuado por parte dos gandeiros e duns elevados investimentos na mellora do gando, instalacións, maquinaria e tamén na compra de cota.

Desgraciadamente esta posición privilexiada na produción non se transmite á escala industrial. O valor dos produtos lácteos elaborados polas industrias son pouco máis dun 10% do conxunto de España, que é menos da terceira parte do peso que temos na produción, sendo aínda considerablemente menor en termos do valor e do emprego xerado, que queda en pouco máis dun 6%.

Boa parte das causas da perda das nosas industrias está na falta de solucións propias ás crises das principais esmpresas que acabaron na dependencia de grupos lácteos de fóra de Galicia. Primeiro foi en 1992 a venda de Larsa, que actualmente está integrada en Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), e anos despois a de Leyma a Puleva, ambas durante os gobernos de Manuel Fraga. Despois houbo a venda de Lagasa á empresa portuguesa Lactogal durante o goberno bipartito. Para evitar unha nova perda con Clesa e Pascual é polo que chamo a atención sobre unha solución que vén da man dunha forte aposta pola creación dun grupo que comprenda ás dúas. Con Alimentos Lácteos, Núñez Feijoo xogou a dividir, o que deu lugar a unha situación inestable e problemática.

Agora hai unha segunda oportunidade de reforzar o sector coa fábrica de Clesa en Caldas de Reis. Non se pode desaproveitar porque é un asunto estratéxico para a nosa estrutura industrial e tamén por integrar un proxecto cooperativo que amplíe á transformación a súa produción na comunidade. A Xunta, as cooperativas e industrias deben dar un pulo decidido ao sector lácteo galego para garantir ás xeracións futuras poder vivir e traballar no medio rural.