A Estrada abre a tempada teatral cunha comedia de Mofa e Befa

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Shakespeare para ignorantes activa os resortes do humor máis cruel

04 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O teatro Principal da Estrada abre mañá a tempada de outono cunha comedia da compañía Mofa e Befa que revisa o teatro de Shakespeare e axuda ó espectador a facer unha lectura moderna do clásico británico. Os actores Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, que hai seis meses estiveran na vila presentando con Producións Excéntricas Oeste solitario, voltan como Mofa e Befa para poñer en escena a obra Shakespeare para ignorantes, na que contan coa colaboración de Quico Cadaval.

A peza comeza cunha conferencia sobre Shakespeare dun prestixioso profesor (Quico Cadaval). Para facer máis deleitosa a instrucción o profesor reclama o concurso de dous actores en paro (Mofa e Befa). Mofa e Befa irrompen na académica conferencia para representar as escenas de Shakespeare máis ignoradas polo público actual. O riso máis cruel, as intimidades máis vergoñentas, os actos máis deshonestos e os mecanismos máis ocultos do mal serán despregados pola maquinaria cómica de Mofa e Befa. «Nós somos como un power point en 3D que ten vida propia e que o conferenciante non manexa ó seu gusto», explican Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.

A introdución da obra será un popurrí con referencias a Romeo e Xulieta, Xulio César, Otelo, Macbeth e outras pezas coñecidas polo gran público. En diante, os dous actores darán vida a asasinos, mendigos, bufóns, conspiradores, cornudos, chivatos, oportunistas, chulos, torturadores e demais personaxes shakesperianos que adoitan quedar nun segundo plano. O obxectivo é proporcionarlle ó público as claves para que poida facer unha lectura moderna da obra do Bardo, aplicable á época contemporánea. Se hai universidades que empregan a obra do dramaturgo como exemplo para ensinar ó alumnado a moverse no terreo das finanzas, Mofa e Befa aplicarán o mesmo método para ilustrar sobre todo «á pequena empresa: a autónomos, sociedades civiles ou sociedades limitadas moi limitadas».

A peza estreouse en outubro do 2009 e foi o espectáculo con maior número de espectadores en Galicia no primeiro semestre do 2010. Encheu o teatro Principal de Compostela en cinco ocasións e xirou por todo o estado. Acadou un premio María Casares ó mellor texto orixinal e valeulle a Quico Cadaval o Max ó mellor autor teatral en galego. O espectáculo acaba de ser incluído no catálogo da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, o que lle abre as portas a unha xira internacional no 2013.

A función na Estrada será mañá venres ás 21.00 horas no Principal. A entrada costa 6 euros e pode mercarse na venda anticipada ou unha hora antes da función.