Lalín fai de maio o Mes das Letras Galegas con diversas actividades

o. p. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Mónica García y Guillermo Carbajo presentarán o día 24 no Salón Teatro a comedia «Curriculum vitae».
Mónica García y Guillermo Carbajo presentarán o día 24 no Salón Teatro a comedia «Curriculum vitae».

Alonso Montero ofrecerá conferencias nos institutos e o día 17 dúas poetisas disertarán sobre Rosalía de Castro

04 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Lalín fai de maio o Mes das Letras Galegas, cunha serie de actividades culturais presentadas onte pola concelleira Marisa Álvarez. Destaca a presenza de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, que ofrecerá unha conferencia sobre os 150 anos de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, aos estudantes dos institutos: será o luns día 13, ás 10.30 horas no Laxeiro e ás 12 horas no Aller.

Pola súa banda, a celebración do Día das Letras Galegas contará cun acto central o día 17, no museo Ramón Aller: as poetisas Lucía Aldao (A Coruña, 1982) e María Lado (Cee, 1979) comezarán ás 20 horas unha conferencia da obra de Rosalía de Castro que cumpre 150 anos, ao tempo que recitarán poemas da autora, acompañadas de música en directo, para facer unha homenaxe á poetisa de Padrón. Con carácter previo, o xoves día 16 a partir das 12.30 horas o monolito de Rosalía no parque de Loriga será escenario dunha ofrenda floral, na que o gaiteiro Plácido Rozas interpretará o Himno Galego; tamén se colocarán poemas de Rosalía de Castro en negocios e rúas de Lalín. Na biblioteca municipal Varela Jácome, na semana do 13 a o 17 haberá unha exposición coa obra de Vidal Bolaño e Rosalía de Castro, con lectura en voz alta de textos entre 12 e 13 horas, e de 17 a 18 horas. E tamén se continuará coa actividade de liberación de libros.

Teatro de Vidal Bolaño

O teatro tamén ocupará espazo neste mes. O venres día 31, no Salón Teatro a partir das 21.30 horas, Teatro Antroido porá en escea Bailadelas, mulleres bolañesas, un espectáculo composto por seis cadros escénicos tirados de textos de Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo a quen este ano se adica o Día das Letras Galegas. A obra, dirixida por Roi Vidal Ponte, fillo do autor e de Laura Ponte, a actriz protagonista da montaxe, e por Xavier Estévez. A obra é para maiores de 13 anos, cun prezo de entrada de 4 euros para público en xeral, e 2 para estudantes. Pola súa banda, o sábado 18 ás 21 horas no auditorio de Vilatuxe o grupo de teatro xuvenil Vagalume da parroquia representará O que hai que ver!!!. E o venres 24, ás 21.30 horas no Salón Teatro, será turno para Curriculum vitae, escenificada por Mónica García e Guillermo Carbajo: é unha comedia para maiores de 12 anos, con entradas a 4 euros ?2 para estudantes?.

A programación ábrese coa pintura: o vindeiro venres, día 10, inaugurarase no museo municipal Ramón María Aller a décimo primeira edición da bienal Pintor Laxeiro, que inclúe obra de Alfonso Sucasas. E complétase este mes cultural coa presentación o sábado 25 no museo Ramón Aller ás 20 horas do libro Historia da música en Galicia, de Lorena López Cobas, profesora e música de Vilatuxe. Por último, o venres 31 ás 20.30 horas inaugúrase na sala do auditorio municipal unha mostra de pintura do curso impartido por Armindo Salgueiro a varias integrantes da Asociación de Amas de Casa Laxeiro.