25 días sen servizo telefónico na Estrada

José Mª Folgar

DEZA

24 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa un tempo, nunha conversa telefónica cun axente de Movistar comenteille ao meu interlocutor que era quen de entender que os que optamos por vivir en zonas rurais teñamos peor servizo que os que o fan en zonas urbanas, pero non que aínda por riba tiveramos que pagar máis. A resposta foi contundente: resulta máis caro manter o servizo no rural, e iso debemos pagalo os usuarios. O problema é que, ao final, nin sequera pagamos máis para ter peor servizo; pagamos para estar sen servizo. Cambiamos de compañía, pero a situación non mellorou. Quen nos des-atende agora é Vodafone, e queremos denunciar o que nos está a acontecer para que tomen nota os habitantes de zonas rurais que estean pensando en contratar un servizo

telefónico e/ou de internet.

O pasado día 3 de marzo, un raio provocou unha avería que nos deixou completamente desconectados. Demos parte á compañía e procederon a enviarnos en poucos días un router novo; pero era a liña (que pertence a Movistar) a que estaba

danada e o cambio de router non resolveu nada. Seguimos insistindo ata que, finalmente, o día 22 de marzo (é dicir, «só» 19 despois de comunicar a incidencia) apareceron na casa un técnico de Vodafone e outro de Movistar, que comentaron que

tiveran antes que facer algunha xestión na central e que, finalmente, restauraron a comunicación.

Non pasaran máis de sete días e o 29 de marzo caeu outro raio que tivo as mesmas consecuencias. Repetimos os avisos, mandaron outra vez un router novo... e seguimos agardando a que alguén nos faga caso; nunha das incontables chamadas,

alguén nos explicou (fará uns dez días) que Movistar tiña que proceder a labores de saneamento da liña, pero que estaban niso e que en menos de 72 horas estaría todo funcionando de novo. Hoxe é 23 de abril, o que quere dicir que desta volta levamos xa 25 días sen servizo. Sobran os comentarios.

Estamos dubidando entre varias opcións: (a) poñer un anuncio na prensa para ver de atopar algunha compañía que se comprometa a proporcionarnos un servizo correcto, a un prezo correcto; (b) iniciar unha campaña de recollida de firmas en change.org para facer un boicot global a Movistar e Vodafone (e probablemente a todas as compañías telefónicas); (c) aceptar que vivir no rural implica esquecer os teléfonos e internet para recuperar os encontros persoais e escribir de novo cartas ao estilo tradicional; (d) tirar a toalla e contribuír a que o rural continúe a despoboarse marchando a vivir á vila. E mesmo admitimos suxerencias con alternativas.