![](https://img.lavdg.com/sc/aP3rTeWboQRUYc0BwgqJKedA67A=/480x/2019/10/15/00121571170682825976764/Foto/DO16P1F1_221644.jpg)
O colectivo fomentará a igualdade de oportunidades no rural
15 oct 2019 . Actualizado a las 22:24 h.O pazo de Liñares acolleu onte a presentación oficial da Asociación de Mulleres Rurais de Galicia-Deza (Amurga), que preside Ana González, e que contou coa presenza do director de Desenvolvemento Rural Miguel Pérez Dubois, a secretaria xeral de Igualdade Susana López Abella, a deputada popular Marián García, concelleiros da corporación e unha nutrida representación de mulleres do municipio.
A primeira intervención da xornada correu a cargo da presidenta de Amurga, que destacou entre os obxectivos da asociación «o fomento da igualdade de oportunidades no rural», e pediu a implicación e o compromiso das mulleres para logralo. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, amosouse leda pola posta en marcha deste novo colectivo, «xa que o movemento asociativo foi o grande impulso de Galicia», pero recoñeceu estar moi preocupada polos casos de violencia de xénero na comunidade e insistiu en que «a coordinación sae barata, case gratis, pero a descoordinación custa vidas», agradecendo a colaboración que recibe a secretaría xeral da Igualdade por parte de Medio Rural nesa loita contra a violencia. O director de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, falou de igualdade entre xéneros e insistiu en que porán «pingas de suor para que esta lacra se extinga».
Despois das intervencións comezou unha mesa redonda na que catro mulleres do rural, con distintos perfís, falaron da súa profesión e da loita cotiá nas súas respectivas parroquias. Un relatorio profesional no que participou Inés Taboada Blanco, de Goiás, xerente de dúas granxas de avicultura, casada, con dous cativos e coidadora de seu pai, de 77 anos; Eva González Brea, de Anzo, que deixou a súa carreira de relacións laborais para dedicarse á gandaría e a coidar do seu fillo; María Jesús Vilanova Torres, que despois de ser gandeira e contable apostou por montar un negocio de seu; ou a traxectoria de María del Carmen Canda Larroy, que despois de 25 anos á fronte dun sindicato agrario, e con máis de 50 anos, abriu cun compañeiro unha oficina técnica.
A posta en escena da obra As pementeiras, de Xoré Teatro, que narra un pensamento diferente da realidade social e que aborda a temática de igualdade de xénero, suscitou numerosos aplausos de todos os asistentes á concorrida presentación da Asociación de Mulleres Rurais de Galicia-Deza, que rematou con café e conversas no marco incomparable de Liñares.