Maribel fica para sempre en nós

Xosefina Pereira, Raquel López, Susana Camba OBITUARIO

DEZA

03 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Maribel Ruíz é, foi e será sempre unha persoa marabillosa e inesquecible, unha compañeira, amiga, camarada, sempre cunha palabra de alento para todas as persoas que estabamos ao seu arredor. Para o BNG da Estrada foi unha das persoas fundamentais nos últimos 30 anos. Mesmo antes de ser militante colaboraba sempre, tamén o seu compañeiro, Suso Muñoz Arroyo, finado hai dous anos, compartía militancia no BNG, ambos deron moitas mostras do seu compromiso, solidariedade e xenerosidade. Sempre discreta e sempre formando equipo, era un gusto traballar con ela, fixo tanto labores cotiás e sinxelas coma os repartos de propaganda eleitoral, ou os convites a tantos actos que temos organizado e compartido, coma labores de máis complexidade, coma as que desenvolveu na área de Facenda tanto na oposición coma na etapa de goberno. Disciplinada, seria, traballadora e rigorosa, Maribel foi sen dúbida a mellor concelleira de Facenda que tivo na súa historia o Concello da Estrada. Maribel é un exemplo de compromiso político, coa militancia activísima no BNG (sempre estaba), coas causas xustas, desde o seu compromiso sindical, a loita antiencoros, o peche do IBI, o seu apoio ao Pobo Saharauí (sempre lembraba a súa infancia no Sáhara), con Nunca Máis, con Queremos Galego, co feminismo (é socia fundadora do Colectivo feminista Deza Tabeirós), con todas as loitas veciñais e sociais, gozaba da lectura, a música clásica, os paseos na natureza, conversadora cultísima adoraba este país, a nosa cultura e aos seus, aos que acompañamos na dor da súa perda. Maribel, muller brava, fica para sempre en nós.

Xosefina Pereira Rivas, Raquel López Doce e Susana Camba Castro (exconcelleiras e concelleira do BNG).