«Estar aí xa é un premio enorme, e só espero que se faga a segunda parte de A Estiba»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Sabela Peinado

11 feb 2020 . Actualizado a las 17:32 h.

A súa nominación aos Premios Mestre Mateo como mellor intérprete masculino de reparto na serie A Estiba, unha serie producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia, pillou ao actor lalinense Fran Lareu por sorpresa. As últimas horas, recoñece, foron de incredulidade pero tamén de satisfacción.

-Nomeárono ao María Casares no ano 2014 pola súa interpretación na obra «O home almofada» pero, debuta agora na terna dos Mestre Mateo?

-Así é e estou que non acabo de crelo. O certo é que estar aí xa é un premio enorme, aínda que sei que será moi difícil gañar polos grandes actores que optan ao premio, e só espero que se faga a segunda parte de A Estiba. Foi unha serie de suspense que xira ao redor das descargas ilegais. Foron 17 episodios nos que participamos moitos actores, un equipo inmenso e na que fixen de Ramiro; un personaxe moi interesante... Un home moi complexo e cun lado escuro... Foi un papel que tocou a fibra.

-Comezou no teatro. Contabiliza numerosos papeis en series e mesmo deu o paso a nacional.

-Comecei moi novo facendo algún papel en teatro sendo amateur pero como profesional levo agora uns dezaséis anos. É certo que participei en moitas series de televisión; na serie O Faro, da Televisión de Galicia, foron máis de trescentos episodios. Estiven dende a terceira tempada ata que rematou a serie no ano 2016 e logo viñeron outros papeis en series nacionais como Fariña ou Vivir sin permiso.

-A súa participación en «Fariña» foi o salto á pantalla nacional?

-Si foi o salto á pantalla a nivel nacional. O papel era pequeniño pero realmente foi unha pasada traballar a nivel nacional. En Fariña interpretei a Oli, un personaxe inspirado no narcotraficante Olegario Falcón Piñeiro. Sen dúbida unha serie impresionante, con actores de primeira liña como Morris, Javier Rey, Tristán Ulloa ... Unha grandísima experiencia profesional.

-E moi recentemente puidemos velo en «Vivir sin permiso», outra serie de factoría tamén nacional.

-É unha serie que xa vai pola súa segunda tempada e cheguei nesta segunda parte, tamén cun pequeno papel, pero é moi fácil traballar con actores como Luis Zahera ou Álex González e con todo o equipo que che poñen as cousas moi fáciles, facilitan enormemente o traballo. Ao final isto que facemos non deixa se der un traballo aínda que con persoas, neste caso, cunha enorme popularidade.

-E José Coronado?

-Pois non me tocou coincidir con el. Estiven con Zahera e Álex González e moi ben. Como dixen antes é unha pasada traballar a este nivel.