«A xente do Deza é moi acolledora»

andrea otero / j. b. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Alves é o fundador de Hikerxperience, un proxecto centrado no Camiño de Inverno, no Primitivo e, como novidade, no da Geira e os Arrieiros

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tonho Alves é guía oficial de turismo de Galicia. O motivo da súa profesión é o Camiño de Santiago. Leva xa doce anos como peregrino, nove como guía e máis de setenta rutas xacobeas e experiencias nas súas pernas. O ano pasado comezou co seu proxecto persoal, Hikerxperience, que inclúe a ruta do Camiño Primitivo, dende Oviedo; do Camiño de Inverno, dende O Bierzo; e do da Geira e os Arrieiros, dende a cidade portuguesa de Braga.

-Como nace Hikerxperience?

-A orixe de todo isto está na India. No 2005 estiven na zona do norte, onde están o templo do Dalai Lama e os tibetanos refuxiados. Eramos uns doce mochileiros de todas as partes do mundo e eu era o único que non fixera o Camiño. Entón no 2009 tiven a miña primeira experiencia como peregrino. Dende ese momento quedei namorado e sabía que quería ligar a miña vida ao Camiño, polo que me fixen guía. En novembro de 2020 decidín comezar este proxecto. -Que o diferenza dos demais?

-Teño máis de setenta Camiños nas miñas pernas polo que teño experiencia. Ademais, estou especializado nestes tres camiños, no Primitivo, no de Inverno e no da Geira e os Arrieiros, xa que considero que para ser guía é moi importante a especialización. Tamén intento desestacionalizar o Camiño, é dicir, vouno centrar principalmente no outono e no inverno.

-Por que nesas estacións?

-Normalmente faise ao revés, o verán e a primavera son as estacións nas que máis circulación de peregrinos hai. Pero eu penso que para vivir a experiencia son mellores estas dúas estacións. O Camiño de Inverno chámase así porque as súas orixes están no inverno, nas neves do Cebreiro. Por outra banda, as paisaxes son diferentes. As cores, o viño ou a gastronomía de culler son elementos que engaden valor á experiencia.

-Cal é o Camiño máis especial?

-Todos son moi especiais, pero o Camiño de Inverno é o camiño máis galego de todos porque pasa polas catro provincias. Este camiño gústalle moito á xente porque escapa das aglomeracións, busca máis a cultura, a historia e a gastronomía.

-Este Camiño pasa pola comarca do Deza. Gústalle á xente?

-Pasa por Rodeiro, Lalín, Silleda e A Bandeira. A zona de Lalín gusta moito porque, en especial o tramo de Rodeiro a Lalín que percorre uns 22 quilómetros, é un entorno de natureza e tranquilidade. A xente do Deza é moi acolledora e a gastronomía gusta moito, polo que a xente marcha encantada.

-A que se debe a introdución do Camiño da Geira e os Arrieiros?

-É unha ruta bastante recente porque foi recuperado hai pouco, pero garda moitísima historia porque curiosamente vén da época dos romanos. Son pioneiro xa que ningunha axencia o ofrece integramente. Ademais, como bo galego quero darlle ese matiz especial unindo a capital do Reino de Galicia, como era Braga no século V, e a capital actual, Santiago de Compostela. Xogar coa historia e cos anos.

-Esta ruta xacobea tamén pasa pola zona de Tabeirós-Terra de Montes.

-Pasa por Soutelo de Montes, Codeseda e A Estrada. A xente gústalle moito a zona, principalmente polos soutos e os montes. Ademais, no tramo de Soutelo a Codeseda hai un punto no que se pode ver a ría de Vilagarcía en días claros, algo sorprendente. Codeseda é o berce da recuperación deste tramo, alí é onde se recuperou e a súa xente está moi volcada co Camiño. A xente da zona é moi hospitalaria, por iso os peregrinos marchan encantados. Iso tamén forma parte da experiencia do Camiño.