Charo Golmar: «O poemario un relato en primeira persoa dun neno que precisa facerse oír»

andrea otero / r. g. LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

A autora presenta hoxe na Bandeira o seu libro «Nobelo de luz»

21 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Charo Golmar presentará hoxe na Bandeira o seu primeiro poemario infantil, Nobelo de luz. A cita dará comezo ás 21.00 no Auditorio Manuel Dopazo e contará coa presenza da ilustradora, Amalia López; a concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González; o membro da A. C. Vista Alegre, Juan Liñares; a mestra Marita Casal; e a directora do CEIP Silleda, María Consuelo Rodríguez. O evento contará tamén coa actuación da agrupación de música tradicional Xirandola.

-Que é «Nobelo de luz»?

-É un pequeno libro de poemas que quere recoñecer ás persoas que foron piares importantes na miña vida. É a homenaxe a unha profesión, aos meus compañeiros de viaxe, aos pais, aos alumnos e aos mestres. Encerra tamén a esperanza de acadar un mundo máis solidario, en igualdade.

-Que temas trata no poemario?

-Intento facer visible o sufrimento silente, o illamento, a impotencia, a incomprensión, as emocións e os soños de alguén que non pode expresarse doutro xeito.

-Cal foi a súa inspiración principal para a elaboración do libro?

-Dediqueime moitos anos á docencia. Este poemario está inspirado na miña experiencia, e máis concretamente nas fondas vivencias de Yago, un alumno moi especial con dificultades de aprendizaxe e de comunicación, polo que é un relato en primeira persoa dun neno que precisa facerse oír para que o comprendan.

-Reflexa que todos somos «diferentemente iguais». Que lle diría a unha persoa que sufre por sentir que non encaixa?

-En cada un de nós latexa un corazón cheo de vida co seu fardelo de soños, de inquedanzas, de sensibilidades e de necesidades diferentes. Non todos somos

iguais e temos distinto xeito de mostrarnos. Animaría a esa persoa a que busque o seu espazo, seguro que hai persoas con similares arelas. Todos deberíamos encaixar na sociedade. Tristemente, a veces a comunidade non educa neste sentido. Cada vez poténciase máis o individualismo.

-Leva practicamente toda a súa vida escribindo. De onde lle vén esa paixón?

-Un dos meus pasatempos favoritos dende a infancia foi a lectura. Nese afán por atopar tesouros na vella biblioteca da casa, descubrín a escrita, os versos e a humanidade de meu pai, Xesús Golmar, que faleceu cando eu tiña un ano. Desde entón, el foi o meu guía e tentei seguir os seus pasos. Escribir na intimidade é un desafogo persoal, unha maneira de aprender, de preservar a memoria, un reto para superarse e vencer a timidez.

-É a súa primeira publicación. Como está sendo a experiencia?

-Vívoa moi intensamente e de xeito gratificante. Teño que agradecer as emotivas mostras de afecto e de ánimo que me achegan os lectores, tamén as dos mestres e mestras que acolleron esta obra de maneira significativa nas aulas.

-Algunha anécdota en relación con este poemario?

-Quizais lembrar o empeño de Manuel Núñez, o editor, en que publicara. Sabedor dos meus reparos e da miña timidez quixo darme un definitivo empurrón para que me aventurase soa no eido literario. Aproveitou a miña colaboración en varios actos culturais para que o público asistente se sumase a súa petición. Así nace Nobelo de Luz.

-Gústalle aos nenos a poesía?

-Encántalles, a poesía é canción de ritmo binario nos primeiros arrolos no berce e no colo. A vida está chea de poesía e os nenos son especialmente receptivos a ela dende os primeiros anos. É un recurso educativo importante. O meu querido Yago, amaba a música das palabras e era capaz de repetilas convertidas en canción.

Nobelo de luz