Última hora
La UE ofrece aranceles «cero por cero» a Estados Unidos

«O premio grande nesta profesión é ter traballo e non me podo queixar»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Recibiu o galardón ao mellor actor secundario nos María Casares

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes son para Fran Lareu (Lalín, 1983) días de moita emoción no persoal e no profesional. No primeiro porque onte cando falábamos un momento estaba a piques de ser pai por primeira vez e iso e unha das alegrías da vida que eclipsa a todo o demais. E neste demais está o premio María Casares ao mellor actor secundario pola súa actuación en A lingua das bolboretas de Sarabela Teatro que arrasou nos galardóns.

-Moi contentos coa obra?

-Estamos tendo moitas funcións. Volvemos a retomalas a finais de setembro, o 24 estaremos en Silleda e aí andaremos cerquiña da casa. Quédannos moitas funcións e é unha obra que nos está dando moitas alegrías. A compañía ademais está celebrando os 40 anos e xusto hai 20 anos montaron o lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, que como a obra que estou facendo con Teatro da Ramboia con María Peinado e Anxo García, tamén vai sobre os totalitarismos e o franquismo e é moi necesaria a memoria histórica. Por desgraza sigue facendo falta traballar nela e non esquecela.

-Levades moito tempo con ela, lles sigue dando moitas alegrías.

-A estreamos en setembro do 2020. Empezamos a ensaiala en xuño do ano pasado en plena pandemia. Foi das primeiras cousas que empezaron a retomar en cultura por aquí e non sabiamos moi ben cal ía a ser o percorrido nesa situación. E resulta que está sendo moito mellor do que pensabamos. E acompañado de premios, pois marabilloso, claro.

-Había outras prioridades e non puido ser o de recoller o premio.

-Si claro, dicíame María que para unha vez que si que cho dan (risas). Pero bueno, tiña que ser así. Ela (a súa parella María Peinado) levouno o ano pasado, o premio a mellor dirección e o mellor adaptación por O meu mundo non é deste reino de Teatro da Ramboia, e co do covid non houbo gala. Foi en diferido, unha cousa gravada, así que ao final nos parecemos un pouco os dous e cando nos dan o premio non puidemos ir.

-Cantas veces foi nominado para estes galardóns?

-Catro con esta, pero as outras tres foron a actor protagonista e esta a mellor actor secundario. Estiven tamén nos Mestre Mateo, pero a primeira vez que me dan un premio de interpretación por algo é esta (risas). A alegría é importante porque levo bastantes anos, pero a realidade é que o premio grande neste traballo e ter traballo precisamente. Non moita xente o pode dicir e eu non me podo queixar.

-O seguinte será seguir ca xira de “A lingua das bolboretas”?

-Si, quédame xirar bastante con A lingua das bolboretas, tamén con O meu mundo non é deste reino e algunha tamén de Crónicas do paraíso tamén de Sarabela, e algún proxecto que vai xurdindo e que empezamos tamén xa a ensaiar, pero evidentemente por calendario persoal parei bastante a miña actividade e estoume reservando bastante para outros menestreis.

-Terá que ter un descansiño para esa nena que está a chegar?

-Si, claro, pero ao final hai que compaxinar porque non todo se pode pospoñer. Se eu non podo facer unha función é moita xente a que non o pode facer e intento compaxinar.

-Estes días irá empatando emocións, aínda que unha non será comparable a outra...

-Si, e o xoves igual que tivo que ir Fernando Dacosta de Sarabela a recoller o premio por mín, hoxe (por onte) tiña función e ten que ir un compañeiro que xa estaba preparado para elo. Trastócase todo, pero é unha alegría. Aínda que todavía non chegou.

-Será nena e xa ten nome?

-Si pero só o sabemos a nai máis eu e a xente do hospital que nos preguntou.