A Deputación destina 2,9 millóns de euros a unha ampla programación cultural

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

DEZA

Rafa Estevez

21 may 2023 . Actualizado a las 10:31 h.

O nome con que a Deputación de Pontevedra bautizou a súa programación cultural é de por si toda unha declaración de intencións: Con-Fiando Cultura. Cun investimento de case 2,8 millóns, a intención é espallar a provincia de música, patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia, de tal xeito que son máis de 150 as actividades programadas nos vindeiros meses.

Acompañada da deputada Victoria Alonso e a directora de Cultura Paula Cabaleiro, Carmela Silva remarcou que o lema busca deixar claro que «é o momento de volver confiar no noso enorme poder cultural. Somos un país extraordinario que pode presumir dunha cultura milenaria e queremos dar ese impulso para volver confiar con todos os valores».

A presidenta da Deputación insistiu que esta aposta está dirixida tamén a «apoiar a este sector que sufriu tanto a pandemia, á acadar a democratización da cultura e que chegue a todos os concellos da provincia e a garantir o dereito de todas as persoas a acceder á cultura». «Queremos que volva a cultura ao vivo, despois de tanta cultura dixital», insistiu.

A programación

A programación está dividida en relación ás diferentes disciplinas culturais. Así, as principais novidades están no eido da música e as artes escénicas, onde se impulsa dúas novas iniciativas: Ópera Papaguena, proxecto de ópera electrónica ideado polo compositor Iago Hermo que se estreará nas Ruínas de San Domingos o 10 de setembro, e Bailando a terra, ciclo que achegará este verán o baile e a tradición aos bosques e carballeiras de A Illa, Tui, Poio, Forcarei e Caldas a cargo de Nova Galega de Danza, Trébede, Maisquedanza, Galicia en Danza e Unidance.

A maiores, mantense Música no Ar, que levará a música clásica a espazos singulares da provincia, entre eles Vila de Cruces,e o programa de teatro Tornar ás Táboas, que regresa en outono.

Novidade tamén son os programas de Con-Fiando na Creación Artística, un dos cales, Extramuros, está a desenvolverse en Cortegada (Silleda), mentres que Depocrea impulsará residencias artísticas de creación compartida entre outubro e novembro. A Deputación segue confiando en programas xa asentados, caso de Pontegal e Musigal que desenvolverá 57 actuacións.

Castelos e castros

A nivel de patrimonio, recuperase o ciclo nos castelos de Soutomaior e Sobroso, así como as Historias cavadas, visitas escenificadas aos castros musealizados, e as Rutas de Arquitectura, unha en Vila de Cruces-Silleda. Pola súa banda, Con-Fiando na Escrita inclúe a terceira edición da Escola de Letras e os Roteiros Literarios, un na Estrada, pero tamén o apoio as feiras do libro de Porriño, Ponteareas e Vigo, mentres que no ámbito audiovisual encadrase Pontevedra plató de cinema”, o novo servizo de asesoramento a produtoras para rodaxes e o apoio aos Rías Baixas Film Fest, pero tamén os ciclos Mestre Mateo e Cinema Mulleres.

As exposicións, pola súa banda, encadranse en Con-Fiando nas artes, ámbito no que hai previstas as mostras itinerantes Cines de Pontevedra: Memorias dunha ilusión, Lebres como gacelas ou, Tecendo a natureza. Enrique Táboas, e continúan os Camiños de Laxeiro por lugares de inspiración do artista en Vigo e Pontevedra. Dende a Deputación incidiron, asimesmo, en que «están a celebrarse datas especiais co lema Con-Fiando nas datas culturais, que inclúen o Día de Rosalía, da Poesía e do Teatro e os días do Libro, da Danza, das Letras, da Música, do Cinema e o Patrimonio Audiovisual».