María Lázara: «O obxectivo a curto prazo é dotar de moitos máis servizos o centro»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Traballa na revitalización da zona de gastronomía, para tela lista no Nadal

14 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María Lázara Pérez é dende o pasado día 7 a nova xerente do Pontiñas Centro Comercial e de Ocio Gadis de Lalín. A lalinense, que comezou a súa traxectoria profesional no ano 2003 no Centro Comercial Deza, e que acumula 17 anos de experiencia en grandes áreas de Lugo, Vigo, Salamanca, Oviedo e A Coruña, encara agora un novo reto profesional novamente no seu pobo.

—Leva unha semana no cargo. O primeiro está sendo a posta en marcha dun grupo de traballo?

—Pois o certo é que atopei un equipo excepcional de traballo e simplemente foi tomar contacto con todos, e agora poñernos a empurrar no mesmo lado.

—Que obxectivos se expón para esta nova etapa?

—Quen me ía dicir que volvería a Lalín... Vou traballar para darlle moito valor a este centro e aportar todo o que poida á comarca. O obxectivo a curto prazo é dotar de moitos máis servizos ao centro, que sexa unha experiencia cómoda e agradable para todos os visitantes e ofrecernos como un espazo común para todas as asociacións e institucións da comarca. Por outra parte, somos un piar máis do comercio local polo que queremos colaborar en todo o que sexa posible. Non estamos nun bo momento económico polo que a unión é o que nos pode axudar máis a sobrelevar este inverno que nos vén encima.

—O Pontiñas caracterizouse nos seus comezos polos seus cines e por unha importante oferta gastronómica. Na súa intención está recuperar ambas ofertas?

—O noso obxectivo é recuperar os cines e sería un triunfo non só persoal senón da comarca. É primordial pero temos que ser realistas e enfocalo a medio-largo prazo por cuestións alleas a nós. En canto á revitalización da zona de gastronomía é un punto básico, e este inverno ten que dotarse de contido esa zona. Os cativos teñen un espazo marabilloso e de balde, con calefacción, un aparcamento fóra amplo e gratuíto... Só nos faltan opcións gastronómicas para que os pais pasen unha tarde de lecer cos nenos, e niso ímonos a centrar.

—Entendo que encher os locais baleiros será unha prioridade.

—Por suposto. Aproveito para comentarlles aos posibles interesados en facerse con algún local que poden pasar cando queiran pola xerencia do centro. Somos os primeiros en querer a súa total ocupación a través de alugueiros, venda ou mesmo valoramos a cesión de zonas comúns para actividades puntuais que poidan ser de interese; como poden ser os food truck que están tan de moda. Todo é viable e analizable.

—Nas vindeiras datas de Nadal poderase ollar ese cambio que pretende impulsar?

—Esa é a idea. Son datas nas que daremos unha nova visión da zona de ocio e de todo o centro comercial en xeral. Traballamos xa en todo iso. Non nos queda moito tempo, e moito que facer, pero queremos que sexa o escaparate do que queremos ser.