Afeccionarse ao teatro, un xeito de dinamizar Lalín, a comezos de 1998

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A Esmutelín, que cumpriría 25 anos, mantense virtualmente desde 2021

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Escola Municipal de Teatro de Lalín (Esmutelín) estaría cumprindo, e seguramente festexando, o seu vintecinco aniversario neste exercicio se non fose pola pandemia e por cuestións laborais do seu director que fai que se manteña só de maneira virtual desde o ano 2021.

A historia da Esmutelín non comeza como tal, senón como aula de teatro no ano 1998; iso si sempre baixo a dirección dunha mesma persoa: Xosé Manuel Ogando Montes, que lembra con claridade aqueles inicios complicados pero cheos de ilusión e de ganas de aprender. «A aula de teatro naceu da proposta do Concello de Lalín que quería facer unha actividade de dinamización tanto polas parroquias como no casco urbano, e decidiron crear unha praza para que unha persoa se dedicara a iso». Así arrancou a travesía de dirección teatral de Xosé Manuel polo rural lalinense, centros educativos e casco urbano chegando a contar nos primeiros dez anos de vida da aula, que posteriormente se converteu en Escola Municipal de Teatro de Lalín (Esmutelín), con 300 alumnos con idades tan dispares desde os 3 ata os máis de 70 anos. «Foron anos onde todo era novidade e de marabillosa creatividade nos que faciamos os Circuitos Culturais no Rural, que formaba parte da programación do concello, e nos que cada grupo de teatro xiraba polas parroquias do municipio».

Anos de lembranzas extraordinarias nas que a escola, que naceu principalmente para ser un polo de convivencia e de aprendizaxe, realizou intercambios con agrupacións teatrais de Antas de Ulla e O Carballiño e escenificou distintas pezas nas residencias de anciáns. Unha escola, que malia a entrar no seu curso vixésimo terceiro con preto de 200 alumnos anotados, sufriu unha profunda ferida. Os motivos foron varios, explica con pesar Xosé Manuel Ogando, «veu unha pandemia que ninguén esperaba, e profesionalmente no ano 2015 informáronme de que ía estar no Pazo de Liñares a tempo completo, cando antes o compaxinaba coa escola, e iso fixo que desde fai dous anos só se manteña dun xeito virtual».

Un proxecto teatral ao que Xosé Manuel lle custa pasar definitivamente a chave polo que segue subindo contidos á canle de Youtube da Esmutelín, e mesmo foi quen de dixitalizar máis de vinte cintas de VHS onde se gardaban obras dos primeiros anos de vida daquela primeira aula. «O material que hai é bastante extenso, e segundo teño tempo, vou levando a cabo ese traballo de dixitalización para que non se perda. Aí están moitos veciños de todo o municipio, numerosos curta contos, obras...».

Unha actividade que podería relanzarse nun futuro quizais, pero para elo habería que volver a comezar case de novo. «A experiencia está aí, claro está, pero todo o material que tiñamos na escola xa non serve. As teas eran vellas, os aparellos aínda eran analóxicos, as humidades derivadas do paso dos anos... Habería que empezar practicamente de cero pero a porta non está pechada», comenta.