O auditorio Manuel Dopazo da Bandeira acolle este sábado ás 18.30 horas a estrea de Frida, a nova peza teatral da compañía silledense, A Cova das Letras. Un espectáculo para todos os públicos na que se ensina a arte coma un vehículo para superar as nosas adversidades, coa artista mexicana Frida Kahlo como fío que tece unha fermosa historia na que a música e a danza son protagonistas.
A actriz Cristina Collazo —que tamén é a directora da compañía— aténdenos entre ensaio e ensaio. Trátase dunha actuación especial para ela ao estreala diante dos seus veciños. «Todas as estreas coa compañía fágoas aquí», explica a da Bandeira. Asegura que levan tres meses traballando nunha peza que mestura danza, monicreques e música. «A obra trata dunha rapaza adolescente descobre a relación entre a súa avóa e Frida Kahlo ao descubrir unha carta escrita por ela, quen lle ensina que a arte é un talismán que cura», comenta Collazo, detallando que nesta peza transmítese «a mensaxe de que a través da arte podes superar todo».
Por outra banda, en Frida os espectadores coñecerán un pouco máis o carácter da célebre pintora, amosando unha faciana que non soe ser habitual. «Tamén se lle quita esa imaxe de sufridora, que aínda que é certo, era unha persoa con alegría de vivir, graciosa e divertida», sinala.
Cristina interpreta á propia Frida, o que supuxo un proceso de aprendizaxe e coñecemento dunha das figuras máis destacadas da arte contemporánea. «Experimentei a parte máis profunda para recrear os seus cadros e autorretratos. Coñecín cousas dela que non sabía e que permiten mostrar o seu lado humano», explica.
Retratos en escena
Frida Kahlo é omnipresente na obra. As escenas compóñense de obras súas, achegando ao espectador os seus cadros sen necesidade de ter o lenzo diante. Tamén a música está intimamente relacionada co legado da pintora. Collazo explica que a banda sonora fíxose por obra do compositor silledense Manuel Paino a partir da partitura que se representa no cadro La pelona.
A actriz anima a asistir a gozar desta obra, especialmente aos máis cativos co obxectivo de que aprendan sobre arte nunha peza «moi didáctica». Ademais, lembra que o ano próximo A Cova das Letras cumpre dez anos, o que servirá de pretexto para facer actividades e exposicións sobre o seu traballo, coma unha relacionada cos traxes que empregan nas súas representacións, feitas pola firma viguesa La Canalla.