Os campos da Gandareira, Outeiriño e o Cortizo acollen as finais comarcais
29 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Os días 3 e 4 de abril dispútanse en Lalín e Silleda as finais do Campionato Galego de Seleccións Comarcais que organiza a Federación Galega de Fútbol. Unha cita na que participarán preto de 300 rapaces dos equipos da Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Santiago, Lugo, Ourense e A Costa. O luns será a quenda das seleccións masculinas sub-11 de fútbol 8 e sub-13 de fútbol 11, que xogarán os seus encontros no Anxo Cortizo de Lalín. O martes disputarán a fase final as seleccións femininas sub-11 de fútbol 8 e sub-14 de fútbol 11 nos campos de Outeiriño e A Gandareira.
Na presentación de este torneo estiveron presentes os alcaldes de Lalín e Silleda, José Crespo e Manuel Cuíña, o presidente da Federación, Rafael Louzán, os ediles de Deportes de ambos municipios, Avelino Souto e Mónica González, e o presidente da Escola de Fútbol Lalín, David Méndez.
Louzán agradeceu a colaboración entre ambos Concellos e destacou as instalacións deportivas nas que se celebrarán os encontros. «Aquí atoparemos o futuro de fútbol galego a moi poucos anos vista. Estará o mellor de Galicia», afirmou. Do mesmo xeito, felicitou ao presidente da EF Lalín pola súa labor pola base.
Vida na comarca
O rexedor lalinense tamén fixo fincapé neste feito, sinalando o «amplo respaldo» das escolas deportivas. Asimismo, engadiu a importancia de levar a cabo este tipo de eventos na comarca de Deza.
Por outra banda, o alcalde silledense afirmou que se trata dunha «oportunidade merecida» polo pulo que lle están dando ao fútbol feminino no municipio. «Levamos moito tempo impulsando o fútbol feminino, con tres equipos», indicou. Así mesmo, sinalou que a Fundación Semana Verde colaborou na cesión das súas instalacións para o xantar dos xogadores dos diferentes equipos.
Novo torneo
José Crespo e Rafael Louzán aproveitaron esta comparecencia para anunciar que Lalín será a sede do Campionato Galego de Centros Penitenciarios. Terá lugar nunha hora aínda por confirmar o vindeiro 27 de abril no Manuel Anxo Cortizo.
Manuel Cuíña: «Joselu será debidamente homenaxeado»
O gran protagonista da rolda de prensa foi Joselu, o flamante goleador coa selección española. Manuel Cuíña felicitouno polo seu aniversario e asegurou estar «moi orgullosos da súa traxectoria dende a SD Silleda ata agora» e salientou que é «patrimonio de Silleda e dos silledenses».
Do mesmo xeito, declarou que están de acordo coa moción do PP para o pleno de mañá na que pide o cambio de nome do Outeiriño polo de Joselu Mato. «Nós estamos de acordo e todos a queremos, pero ten que vir desenvolta da man do fútbol de Silleda, da Escola e da SD e de todos os que conformaron a este Joselu dende pequeno». Por último, asegurou que «non só se lle porá o nome ao campo de fútbol senón que será debidamente homenaxeado en Silleda, toda a comarca e Galicia».
Rafael Louzán tamén trasladou os seus parabéns a Joselu, sinalando que foi «un momento bonito para o fútbol galego», engadindo que o futbolista «presume de ser galego e das súas raíces».
Tirón de orellas a Luis Enrique
José Crespo quixo felicitar ao seleccionador, Luis de la Fuente pola convocatoria de Joselu e dos demais xogadores galegos, aproveitando para darlle un tirón de orellas ao anterior técnico, Luis Enrique: «Quero felicitar a Luis de la Fuente, que a diferenza do anterior, que non se enteraba, non ten ningún repulso con Galicia».