Laura Fernández Crespo: «Este é un deporte de control do teu propio corpo e de concentración»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Adrián Freiría

Medra entre o sexo feminino esta práctica deportiva na que as frechas non feren

16 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O interese mostrado pola súa filla nos Percorridos de Caza 3D, unha das moitas modalidades deportivas que se contemplan dentro da Federación Galega de Caza e da Real Federación Española de Tiro con Arco, levou a Laura Fernández Crespo (Escaldes-Engordany, Andorra) a iniciarse na súa práctica. O traballo e a práctica deu axiña os seus froitos. Foi proclamada Campioa da liga galega e do torneo autonómico de Percorrido de Caza 3D, e nunha semana loitará polo estatal en Soria.

—Forma parte do Club ArcoCelta. Como se constituíu o colectivo?

—Pois xurdiu a partires dun grupo de amigos que xa practicaban o tiro con arco, e que por cuestións da vida se uniron, e posteriormente decidiron crear un club propio. A súa aposta foi a de permanecer unidos en vez de tirar cada un polo seu lado.

—Levan en activo seis anos, desde o exercicio 2017.

—Si. O club fundouse exactamente no mes de novembro dese ano na modalidade IFAA Internacional, e posteriormente xurdiu a afiliación á Real Federación Española de Tiro con Arco e á Federación Galega de Caza no 2018. Subliñar que son modalidades distintas pero comparten un denominador común que é o tiro con arco.

—No seu caso particular, en que momento entra a formar parte do mesmo?

—Fai cuestión de algo máis dun ano, en xullo do 2022, e por probar esta disciplina deportiva. A nosa filla estaba interesada no tiro con arco, e actualmente practicámolo os tres: o meu home, a nosa filla e eu. Acabamos enganchándonos os tres a esta práctica deportiva.

—A súa modalidade son os Percorridos de Caza 3D. Para os profanos na materia, en que consiste?

—Partimos de que é unha modalidade de precisión na que se disparan frechas a unhas figuras que están en tres dimensións e que simulan un animal. Dicir que é unha disciplina que está baseada nas normas que rexe a Federación de Caza, e que se podería entender como unha actividade deportiva que vai máis alá da práctica do especificamente normal. Digamos que os Percorridos de Caza 3D son unha variante divulgativa e formativa. Ao estar regulada dita variante pola norma de caza, máis alá do feito de ser unha simulación, os participantes estamos regulados polas leis de conservación da natureza. Iso significa que temos que diferenciar a fauna protexida da que é invasora, así como das distintas etapas de cada animal. Temos que discernir se estamos ante animais que son femias, machos ou crías... As tempadas de veda, especies especialmente protexidas en Galicia, España e no mundo enteiro; sobre todo iso temos que ter coñecementos. Este é un deporte inclusivo, técnico e cun amplo coñecemento da fauna que se representa nos circuítos aos que asistimos e nos que participamos. Digamos que non é só unha práctica deportiva de tirar frechas, é algo moito máis técnico, e evidentemente aquí non se mata nin se fere a ningún animal.

—Dicía que é unha actividade deportiva moi técnica.

—Así é. É un deporte no que se precisa de grandes doses de concentración e de control sobre o teu propio corpo para manexar axeitadamente a xestión de tempos e o propio estrés que conleva unha competición.

—Con carácter tamén inclusivo, son moitas mulleres?

—Pois o certo é que hai unha porcentaxe moi elevada de mulleres que o practicamos. Estamos ante un deporte que efectivamente é moi inclusivo, no que por norma xeral máis alá das normais rifas que se producen polos puntos, nos atopamos cun ambiente moi san nas competicións ás que acudimos.

«A miña próxima cita é o día 23 no campionato nacional que se disputa en Soria»

O Club ArcoCelta, que conta na actualidade con 18 socios en activo, ofrécelle a posibilidade aos seus deportistas a optar por algunha das múltiples modalidades que se ofertan; como os Percorridos de Caza 3D que practica Laura Fernández e que a levará a Soria o próximo sábado 23 de setembro, onde se darán cita os mellores arqueiros nacionais que disputarán o XXV Campionato de España desa modalidade. Unha competición que coincidirá coa celebración das festas patronais de As Dores de Lalín, e á que Laura non irá soa. «Estaremos competindo o meu home Roi López Díaz e máis eu no nacional que se disputa en Castillejo Robledo, en Soria. É a primeira vez que participo a nivel nacional polo que me imaxino que o procedemento da proba será similar ao campionato galego». A proba estatal celebrarase no Centro Integral de Estudios e Prácticas Cinexéticas da Real Federación Española de Caza. E namentres, no día a día do club, «todos os socios somos partícipes das actividades que realiza o colectivo, e en canto os coñecementos e pericia o permite, e tamén somos libres de participar nos torneos oficiais que organizan as distintas federacións e colectivos», apunta Laura Fernández.

Un colectivo aberto pois á chegada de novos integrantes, desexoso de darse a coñecer pero con dificultades loxísticas para ofrecerse como actividade extraescolar nos centros educativos, recoñece Laura. «Os nosos adestradores e monitores do club son persoas que traballan, que teñen que atender as súas obrigas, e o tiro con arco é unha actividade que realizan de forma desinteresada no seu tempo de lecer e as actividades extraescolares teñen horarios concretos que eles non poden asumir. Nunca se pechan portas, e nun futuro xa se verá».