Aberto o prazo para participar no Concurso Balbino de Relatos

d. c. LALÍN / LA VOZ

DEZA

26 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hoxe e ata o 28 de xuño está aberto o prazo para participar na novena edición do Concurso Balbino de Relatos, organizado pola Fundación Neira Vilas. A temática principal que deben ter os orixinais presentados debe centrarse nas partes máis destacadas na vida da coñecida personaxe de Memorias dun neno labrego: o rural, o mar e a emigración.

Poden participar persoas de calquera idade. A obra poderá estar composta dun único ou de varios relatos, pero sempre cunha extensión comprendida entre os 100.000 e os 200.000 caracteres. O idioma empregado ten que ser o galego. Os interesados en participar poderán acceder ás bases na web www.concursobalbino.com.

O encargado da elección da obra gañadora será un xurado composto por profesionais de recoñecido prestixio que darán a coñecer o fallo no mes de setembro. O libro presentarase no último trimestre do 2024. En canto ao premio, o gañador recibirá 1.500 euros e a publicación do seu traballo por Edicións Fervenza. Na anterior edición do concurso resultou gañadora a ourensá Clara Martín pola súa obra Loucine.