Concerto Solidario de Corais, a favor de Manos Unidas, na Igrexa Parroquial de As Dores
DEZA
Baixo a organización dun grupo de voluntarios da parroquia de As Dores, este sábado 2 de marzo ás 20.30 horas, terá lugar a terceira edición do Concerto Solidario de Corais a favor de Manos Unidas.
A igrexa parroquial lalinense será novamente o escenario escollido para a celebración anual desta campaña, que se estende nesta ocasión baixo o lema «El efecto ser humano», na que se contarán coas actuacións das corais polifónicas de Lalín e Agolada, e do Coro Música Viva do Carballiño.
Os asistentes ao concerto solidario sabatino que o desexen poderán colaborar con Manos Unidas facendo unha aportación económica, mercando algún dos variados artigos que se exporán nesa xornada e mesmo facéndose socio desta organización da Igrexa Católica. Foi precisamente o movemento de Mulleres de Acción Católica Española o que impulsou a celebración desta iniciativa no ano 1960 que se mantén na actualidade, e que acadou en Lalín unha gran participación e implicación da veciñanza. As ceas solidarias a base de pasta e salsa de tomate centraron ao longo de moitos anos este encontro anual, no que non faltaban os sorteos de premios aportados desinteresadamente polos establecementos do municipio, que congregaba a numeroso público.