Agolada expresou a Xosé Vázquez Pintor o seu agarimo e agradecemento

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Amigos, familia e veciños acompañaron ao escritor no acto de homenaxe

14 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Era a homenaxe que lle quedaba a Xosé Vázquez Pintor: a da súa Terra do Medio, a dos seus veciños e veciñas de Agolada e que onte se fixo realidade nun deses días que fan historia. Unha xornada de música e palabra, salpicada de agarimosas apertas de buxo coas que o escritor sempre asinaba as súas dedicatorias e que todos quixemos replicar e devolverlle envoltas en sorrisos.

A tardanza non foi por falta de empeño dos seus, con Ángel Utrera á cabeza. De amigos de andanzas de toda a vida como Raquel Vidal, dos veciños todos de Agolada e que sería imposible nomear nesta páxina sen esquecer a ninguén, xunto con outros moitos chegados dende diferentes lugares para compartir esta leda xornada de festa.

Utrera abriu o acto lendo un artigo de Vázquez Pintor publicado en La Voz de Galicia onde retrataba una gran galería de personaxes de Agolada. Unha realidade que, entre outros moitos artigos, recollía no 1993 unha «memoria íntima de cando o mundo se chamaba Agolada».

Lembraba Utrera que Pintor é dende fai máis de 70 anos «o noso veciños, o máis auténtico e especial, sempre cunha palabra amable, unha reflexión oportuna, un sorriso aberto, unha ollada limpa».

Dende a Praza do Concello, presidida polo gran carballo ao que Vázquez Pintor chegou a salvar fai anos da motoserra, saíu a comitiva encabezada polo son das gaitas de Bico da Balouta ata o comezo da antiga rúa Iryda reconvertida na rúa Xosé Vázquez Pintor e en cuxa placa queda impreso «en recoñecemento e agradecemento de todos os veciños e veciñas polo seu labor na promoción da cultura de Agolada».

Na súa casa, da rúa Nova, descubriuse outra placa que da fe de que alí é onde mora a palabra. O alcalde, Luis Calvo destacou a labor como poeta e escritor de Vázquez Pintor como «creador de soños» resaltando a súa defensa da cultura, o patrimonio e os pendellos.

María Fernández Viñas, a dona de Pintor, resaltaba que «un pobo que ten música, ten vida, ten un idioma universal» e puña en valor a Banda que se sumou aínda que non puideron estar, a coral, a agrupación de Bico da Balouta e a charanga Os Pendellos que tocaron todos. Quixo dar as grazas a todos «porque non vos podedes imaxinar o que isto nos supón para a familia un recoñecemento na Agolada, que era onde lle faltaba, en Agolada que é o seu sitio e onde morará porque aquí quedará para sempre». Deu as grazas a todos os amigos que estaban alí, a toda a corporación, con asistencia de todos os grupos.

Dirixida por Alejandro Piñeiro, a coral ofreceu un concerto que incluíu a estrea dunha canción con versos de Vázquez Pintor e música de Piñeiro para rematar con ritmo de festa coa charanga e uns pinchos nos pendellos.

E aínda que a memoria lle sexa agora esquiva, quédanos a testemuña das obras deste escritor ao que lle houbera gustado ser xornalista e que de pequerrecho soñaba con ser futbolista. As vivencias dun home que na literatura, contaba, sempre escribiu en libertario e que xogaba coas esencias dende a maxia da poesía.

Un rapaz de Quián, a aldea onde mora o seu corazón, e onde está esa nenez que nunca se perde, loitador incansable na defensa da cultura e do patrimonio, que sigue compartindo con todos nos o seu agarimo e as súas máxicas apertas de buxo.