Wily, a espontaneidade dun creador cargado co «espírito» das Terras de Deza
DEZA
Como lostregadas as serpes metálicas da liña de Alta Velocidade Coruña-Madrid, nun pulo de máis de 300 km por hora, furan por varias Arcadias, inspiradores Paraísos galegos, entre elas e despois de deixar a mítica Compostela, o Pico Sacro e o Ulla en San Xoán da Cova, entran nas Terras de Deza, dunha banda da fervenza do Toxa, o que foi emporio do volframio de Trasfontao, as ruínas do mosteiro de Carboeiro... e tantos castros, templos románicos, espadanas barrocas, solainas de pazos abertas ao infindo... Entre todo a humilde e empoleirada parroquia de Botos, monteira do Lalín de Loriga, de Aller, de Laxeiro, de Sucasas,... de Wily. Altar que mira a un océano de fragas e montes, onde as siluetas dos castros semellan naos a navegar. Onde a xente ten algo de mago Merlín e ben poden, por estar afeitos a carballeiras e fragas inmensas que os rodan, como a de Catasós, polos nacedoiros de regueiros, onde disque beben fadas e mouras, e dos que ben soubo Pepa Loba, vieiros para anxos ou demos de esconxuros... camiño do Corpiño.
Pois velaí os espazos para unha historia, a de Antonio Taboada Ferradás, apelidos ben de casta e rango de Deza, a dun singular neno e mozo labrego, como os que contou Neira Vilas. Alguén que topou e cultivou xeitos de comunicación co seu pobo e mais coa urbe que aínda garda en pisos de rañaceos algo da aldea orixinaria. Materia propia para unha novela ou mesmo para un guión cinematográfico, a do benquerido por todo cristo Wily: bo, transparente, inquedo, dos que saben enxergar e repetiremos moito esta verba polo que significa de poñer os cinco sentidos, mais o saber do aprendido sobre as cousas. Espontáneo, ceibe dos que saben sacarlles expresións, alma, ás cousas nun folión, estoupar de cores e sensacións puras.
Wily nace o 18 de xullo de 1962 e morre o 10 de xuño do 2006 no mesmo seu lugar de Porto, parroquia de Botos. Pluriartista, poeta, músico, pintor, escultor, activista cultural, antiburócrata e antioficialista, inconformista, inquedo, sempre bulideiro, antiurbanitas, transversal, auténtico, imprescindible entre as forzas das Forxas Literarias e creativas da casa e solaina de Paco Lareo, en Piloño. Punto de Vila de Cruces propicio ao encontro e á acollida de guerrilleiros da arte, de humanistas, con canto esta verba comporta de humus, radicais na Terra.
A tribo de Botos atrae e couta co seu algo de nimbo terreal que ten. Ben sabía Wily e poucos enxergaron coma el ese diálogo paisaxe-paisanaxe, idioma que ben entendía e compartía co pintor oficial da Romea, Laxeiro. Bos sabedores de a quen escoller e con quen parlamentar, arrimados ás pescudas do seu paisano e creador Antón Lamazares, ao escultor de Cambados Paco Leiro e outros contrafío que non son pouca cousa no panorama creativo galego. Encontros nos que se lle dá imperio á liberdade, á leria que é filosofía amable pola que enxergar e transmitir con retranca o devalar constante da persoa, das cousas e mesmo dun universo asegún que diría o filósofo e teósofo Vicente Risco, ourensán, pioneiro a rebours e a quen tamén lle aquecería escribir sobre este universo, perderse no sorprendente bosque animado e entre os magos da Romea, no Botos de Laxeiro e mais de Wily.
Wily, ansioso de aprender, de enxergar, toma nota a pé de obra na casa-taller do seu amigo e singular veciño, Laxeiro. E por si aínda fose pouco alá foi apañar máis esencias tradicionais como é o artesán da madeira e ebanista cando llo pedían, Antonio Presas e co canteiro Vidal Payo. Sempre atento a todo acontecer e ao que atopaba no camiño, aos desperdicios do consumismo, obxectos que logo sabería reutilizar, como tamén soubo Picasso atopar e darlle nova vida ao abandonado. Viaxeiro de ida e volta alá onde for, ansioso de saber, de aprender idiomas ao seu xeito e con acento propio, que complementaba con acenos, teima aprendida do seu universal Laxeiro. En fin, Wily era un lalinense de pro, informado e formado na encrucillada.
E así foi Wily até que o levou por diante o lóstrego desa serpe metálica da alta velocidade para atravesar as cancelas das sombras do Trasmundo co que tanto teimaba Laxeiro. Aconteceu nunha das noitiñas que abren o verán e cando miraba a esas estrelas que compiten coas luceciñas da Romea, camiños do Ceo que ben tiña escudriñado o astrónomo Aller Ulloa. Frío estralampo que esgazou os 44 anos da vida moza dun creador no seu mellor momento. Entón o ceo de Deza pareceu fenderse e no horizonte escoitouse ouvear un can azul. Xa se tiña entendido como mal agoiro que a traza da liña de alta velocidade levase por diante a casa-taller que construíra Laxeiro, observatorio onde imaxinou, pintou e ensinou tantas cousas da historia, mitos e realismo máxico da Romea natal.
Tótems célticos, aturuxos de cor que se erguen da Terra ao Ceo
E velaí da autoría Wily, erguida dende a Terra, clamando ao Ceo, a provocadora escultura de Santa Bendita (1986), arredor da que se convocaron tantos devotos da radicalidade nos salóns do Araguaney en Compostela. Obras cortadas a motoserra, coloreadas a brochadas, bautizadas con títulos reviravoltos: La vuelta al ruedo del avestruz de Elche, Una madrileña en Lajazós, Casi todas las mujeres cenan con Orlando, Je ne peuxvivre sans toi zanfona, ou Ivana, ídolos, contubernio de tótems célticos, como aturuxos, berros montesíos, desgarrados que semellan enguedellarse na espiral das nosas ondas atlánticas, célticas.
Ética e estética de cor, un eterno e celebrado Entroido de ceos cubertos por alegría, o propagado por Wily. Cargado de primitivismo, dese expresionismo ao que se é tan propenso en Galicia. Figuras como mecos, entroidos, urcos de mitoloxía festiva, diaños rabuñados na pedra, na madeira a golpe de motoserra ou de macheta. Informalidade trazada nun pulo anímico, xestual, mesmo tamén sobre o lenzo ou o papel, que se fan e se desfiguran, que se enguedellan, que converxen e diverxen para estimular, suxerir e sacar o que o espectador pode levar dentro, o misterio do ser, das cousas, do cosmos co seu canto e son.
Wily tiña ben aprendida a arte dos canteiros, dos construtores de cruceiros, tótems á fin e ao cabo, os que do caos terreal se erguen polo varal cara ao cosmos, para converxer vertical e horizontal na cruz e estrela a un tempo e onde nunha cara se representa a un mozo cos brazos en cruz, que sofre.... e pola outra cara a unha nai de dor... Herdo céltico e cristián, tan no ADN dos creadores galegos, legado abandeirado nas terras de Deza.
Wily tiña ben aprendida a arte dos canteiros, dos construtores de cruceiros, tótems á fin e ao cabo, os que do caos terreal se erguen polo varal cara ao cosmos, para converxer vertical e horizontal na cruz e estrela a un tempo e onde nunha cara se representa a un mozo cos brazos en cruz, que sofre... e pola outra cara a unha nai de dor... Herdo céltico e cristián, tan no ADN dos creadores galegos, legado abandeirado nas terras de Deza.
Wily expresou como poucos ese orixinario, orixinal primitivismo, arcaizante, ese expresionismo que levou a un singular fauvismo, acometéndolle a toradas de carballos ou de castiñeiros coa motoserra, coa machada... onde a actión... irá determinando o que saía, non só do espírito do creador, senón da mesma materia. Non lle facía falta bosquexar, xa levaba dentro o que ía facer, o que o momento e o material lle impoñían a cada intre, a suxestión dos espíritos das árbores os hyldemoer dos nórdicos, os kodama xaponeses, os kami,... asuntos do panteísmo tamén galego e dos que ben gustaba Risco.
O pulo vital de Wily sabe do xestualismo, do rudo, do brutalismo, do grotesco, mesmo do asumido descoido e torpeza, tratando a obra dende un eterno entroido, coa forza da espontaneidade, do grafismo con ese azucre do Kitsch que pode non faltar nesas súas obras contundentes, as que ben saben das buscas do accionista austríaco Franz West ou do alemán, alumno do rompedor Joseph Beuys, Walter Dahn.
No 1995 o Concello de Lalín outórgalle unha bolsa para estudos artísticos, polo que se vai a Florencia nove meses. No 1996 é seleccionado pola Fundación Botín para o Taller de Escultura. No 2004 viaxa a New York... toma nota e segue sempre o seu camiño que nace e morre en Botos.
Wily empuxado polos amigos presentouse a concursos, levou premios e endexamais pasou desapercibida a súa obra, nin se escoitou algo contra dela, nin contra a súa a personalidade ou a singularidade de ser, pese á particular guerrilla contra un mundo tan macdonalizado. Do espírito do mago Wily de Botos agromaban, como dunha árbore, ou brotaban, como dunha fonte limpa, as esencias de Lalín, a mesma poética que caracterizou de vello a tantos creadores destas terras, corazón da Galiza, onde triunfa e ten sitio a tradición, o Entroido.