Beatriz Dourado gaña o Premio Arume de Poesía para a Infancia

Rocío Perez Ramos
Rocío ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

A escritora recibirá o galardón este venres en Santiago de Compostela

11 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Beatriz Dourado é a ganadora do Premio Arume de Poesía para a Infancia pola súa obra Latexos. O galardón está convocado pola Fundación Neira Vilas xunto coa empresa Deleite e a asociación do libro infantil e xuvenil Galix, O xurado destacou no poemario «o intelixente e suxestivo uso de recursos diversos como as onomatopeias, anáforas ou metáforas que constrúen un universo poético engaiolante para o público novo». Salientou ademais a creatividade no uso e o dominio do rexistro musical e a inclusión de caligramas, trabalinguas, palíndromos e un variado acompañamento gráfico e icónico.

A escritora, (Barcelona, 1987), filla e neta de emigrantes galegos, reside en Lugo. Na súa traxectoria literaria cabe salientar o Premio Florencio Delgado Gurriarán de 2023 polo poemario Ancorar toda esta auga, e outros obtidos en certames de poesía como o María Marió ou o Avelino Díaz. É autora tamén do libro de poesía IntraGUERRAS e ten publicados relatos curtos en obras colectivas como Viaductos (1917) ou Historias do camiño (2021).

A entrega de premios terá lugar este venres, día 13, ás 19.00 horas no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O Premio Arme de poesía para a infancia é o único do seu tipo que existe en Galicia. A editorial Embora é a que se encarga da edición e publicación dos libros premiados.

O día 13, presentarase o libro Versos (a)variados, obra de Pablo Nogueira Campo, gañador da edición anterior. P escritor xa gañou no 2019 con Banda Sonora Orixinal (Edicións Fervenza) o premio Balbino co que colabora a Fundación Neira Vilas.