A banda da Loba presentará o 17 de xaneiro o seu novo disco, «Lovismo»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

soninha

O concerto de presentación do traballo será o 1 de febreiro na sala Capitol

10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lovismo, o quinto disco de A banda da Loba, ABDL, publicarase o vindeiro 17 de xaneiro nas principais plataformas. O novo LP chega logo dun ano da banda afastada dos escenarios para traballar arreo nun disco que ten como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresión: o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso... O disco leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL.

O anuncio chega acompañado da saída do sinxelo Xogo de agardar e mais o seu videoclip, dispoñibles a partir das 00.00 horas deste venres 10 nas plataformas e mais na canle de YouTube da banda, respectivamente. Xogo de agardar é un tema inspirado no que sentimos cando coñecemos a unha persoa e, con só unha ollada, saltan faíscas.

O xogo da sedución

Un tema sobre as cóxegas na boca do estómago e ese xogo de sedución que pode acabar ben, ou non, pero que se converte desde o inicio nunha pequena historia de amor que enche de ledicia. Xogo de agardar publicarase ao mesmo tempo que o seu videoclip, gravado en Abrigueiro, con letra e música de Inés Mirás, ex integrante de ABDL.

A presentación pública de Lovismo será nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro.

Ouveos de festa na Capitol

As entradas para esta cita están á venda na web salacapitol.com e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira. Os menores de 16 anos poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable. Será indispensable presentar o DNI.

 Este concerto de presentación do novo traballo das «Lobas» está concibido como unha auténtica festa na que as compoñentes da banda estarán rodeadas de artistas amigos para dar a benvida a Lovismo. Polo de agora están confirmadas a participacións de Tomé Mouriño (De Ninghures) e dos músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, pero quedan aínda novas sorpresas que serán anunciadas axiña.

 A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019, presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volverán aos escenarios con Lovismo.

 Na actualidade, ABDL está integrada polas estradenses Andrea Porto (baixo) e Marcela Porto (percusión), e por Estela Rodríguez (violín), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.