Carlos Asorey, a intensa ollada da emigración galega a Francia

d. c. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Adrián Freiría

A Fundación Paco Lareo homenaxeou ao cineasta de Loño nun acto no que se repasou a súa descoñecida traxectoria

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nado na parroquia cruceña de Loño, Carlos Asorey é unha das figuras do cine galego máis enigmáticas. Da man do filólogo e profesor Xaime Varela, a Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño celebrou onte na súa sede unha xornada para homenaxear e coñecer en maior profundidade a vida e obra do cineasta dezá.

O investigador de Agolada presentou o ano pasado no Festival de Cans o arquivo audiovisual de Carlos Asorey, varias horas de gravación en Súper 8 nos que destaca o seu retrato da emigración galega a París na década dos 70. Un traballo que fixo coa axuda da familia do cineasta, que depositou o seu traballo descoñecido ata o ano pasado na Filmoteca de Galicia.

O seu irmán, Suso Asorey, e o seu amigo e xornalista, Xosé Manuel Rivas, participaron tamén na cita da Solaina de Piloño nunha mesa redonda moderada polo edil de Cultura de Vila de Cruces, Julio López. Esa ollada tan intensa sobre os galegos que aterraron na capital francesa cáptase especialmente no filme Oficio de desterro, que foi proxectado para o público presente. Carlos Asorey faleceu aos 65 anos no 2015, despois dunha carreira como director de cine na que non acadou éxitos salientables. A súa traxectoria profesional continuou na Televisión de Galicia, onde traballou como cámara.

Concurso de curtas

Por outra banda, A Fundación Paco Lareo aproveitou esta cita sobre o sétimo arte para presentar un novo proxecto de participación cidadá que rende homenaxe ao director de Vila de Cruces, o primeiro Concurso de Curtas Documentais Carlos Asorey, vinculado a estudantes do eido audiovisual.