O Seminario de Estudos de Deza distingue a Francisco Rubia, José Ramón López, Antonio Vidal e á Carballeira de Cercio
DEZA
Os galardóns do Patrimonio Cultural entregaranse o 7 de febreiro
22 ene 2025 . Actualizado a las 20:57 h.A terceira edición dos Premios do Patrimonio Cultural do Seminario de Estudos de Deza (SED) galardoou a Antonio Vidal Neira, Francisco Rubia Alejos, José Ramón López, Lito e ao grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio. Os premios teñen coma fin distinguir o labor de persoas, colectivos ou entidades que presentan unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural dezá, tanto material coma inmaterial.
O primeiro dos obsequios recaeu na formación de Cercio, conformada en 1995 e que levou o Premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza. O xurado fixo fincapé no seu papel na posta en valor «das tradicións culturais da comarca, centrando a súa atención especialmente en bailes, cantigas e lendas». Tamén destacaron a organización do seu festival de baile tradicional e os premios A Carballeira, destinados a persoas ou institucións que destaque pola súa contribución á preservación da cultura galega.
Antonio Vidal Neira recibiu o premio á Investigación do patrimonio cultural. A súa «rigorosidade e exhaustividade» nos seus artigos de investigación no anuario Descubrindo e no seu blog, foron eloxiadas polo xurado do SED. Nado en Donramiro, é licenciado en Filosofía e Letras, na sección de Historia e Xeografía. Especializouse en Historia Moderna e Contemporánea na Complutense. Ademais, recibiu o galardón Lalinense de Ano no 2020.
Premio de Honra
O Premio de Honra do SED recaeu en Francisco Rubia Alejos. Entre os seus numerosos méritos, valoraron a súa colaboración en publicacións de referencia como Pazos y Moradas Hidalgas del Deza, que escribiu con César Gómez Buxán, así como o seu aporte no anuario Descubrindo dende os seus inicios no 1999. Tamén destacaron as súas colaboracións en xornais, revistas especializadas e outros medios de comunicación, converténdose nunha «figura clave ma investigacIón histórica de Deza».
Por último, José Ramón López Fernández, Lito, recibirá o galardón Descubrindo ao ter publicado un total de once traballos no anuacrio. Funcionario do Arquivo de Galicia, é autor de diversas investigación sobre Deza como as guerras carlistas ou a historia administrativa da comarca. Nado na parroquia de Veiga, é licenciado en Historia.
Os Premios do Patrimonio Cultural entregaranse nun acto público organizado polo SED o vindeiro sábado 8 de febreiro. Terá lugar no Pazo de Liñares ás 20.00 horas e nel presentarase o anuario Descubrindo nº17.
Recentemente os premios recaeron na Comunidade de Montes de Bermés, a Casa do Patrón, Gonzalo Navaza, Román Rodríguez ou Armando Vázquez.