Os Xenerais do Ulla visten de marca

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

miguel souto

A modista estradense Susana García consegue o selo Artesanía de Galicia para os traxes que confecciona para os exércitos do Entroido local

05 ene 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

O selo Artesanía de Galicia acaba de desembarcar no mundo do Entroido do Ulla para poñerlle a súa etiqueta aos traxes de Xenerais e Correos que confecciona a medida a modista Susana García Lorenzo.

A estradense, que ten o seu taller en Santeles, unha das parroquias con máis tradición do Entroido do Ulla, é a primeira costureira que consegue que este traballo tradicional tan laborioso estea amparado pola marca Artesanía de Galicia.

Susana García comezou a formarse como modista dos xenerais no ano 2014, nun obradoiro impartido polo célebre Luís Montáns, o xastre que foi ata a súa xubilación o encargado de uniformar aos exércitos do Entroido estradense.

Durante os seus corenta anos de oficio, Luís Montáns coseu a man máis dun cento de traxes. Ao xubilarse, deixou un baleiro nun oficio moi específico, así que o Concello decidiu organizar un curso de confección de traxes de Xenerais e Correos en busca dun relevo xeracional para evitar que a tradición se perdera. E funcionou. Aquel obradoiro impartiuno o propio Luís Montáns e, entre as aplicadas alumnas que asistiron, estaba Susana García, que entón estaba aprendendo aínda o oficio de costureira nunha academia compostelá.

Naquel curso de patronaxe Montáns ensinoulle ás alumnas a facer un traxe completo. Susana García tomou boa nota e, ao ano seguinte, con vinte e poucos anos, fixo o seu primeiro traxe completo.

Desde entón —pandemia de por medio— a modista leva feitos máis dunha ducia de novos traxes completos de Correos e Xenerais, ademais de arranxar outros xa usados ou de recargalos mais de adornos, algo que é frecuente na zona. «Hai moita competencia neso. Os traxes que che encargan as asociacións adoitan ser máis sinxelos, pero os particulares normalmente quérenos moi adornados. Queren ter o mellor. Ás veces veñen de volta á modista para meterlle unha tira máis de fleco porque lle parece escaso», conta a costureira.

Segundo explica Susana, os materiais son moi caros e o traballo moi laborioso. «Con imitacións pode saír mais barato, pero a xente quere o bo, porque é para durar. O fleco, por exemplo, haino bañado en ouro e haino dourado. Igual que as borlas. A xente quere o bañado en ouro», conta.

«Un traxe básico e sinxelo pode andar nos 2.000 euros e partir de aí depende o adorno que se meta»

Cando un lle pregunta a Susana García polo custo que pode ter un traxe de Xeneral ou Correo, a modista bota un anaco pensando. «Baratos non son, pero non che podo dicir un prezo porque depende do que lle queiran poñer de adorno. Un moi básico e sinxelo pode andar nos 2.000 euros. E despois, a partir de aí, canto máis adorno leve, máis custa. Un cargadiño pode estar por riba dos 5.000 ou 6.000 euros tranquilamente. Moito máis tampouco porque ás veces non hai máis espazo material para lle meter adornos», comenta a artesá.

Segundo conta, o máis complicado é coser os vistosos gorros característicos do Entroido do Ulla, nos que a montaxe das plumas adoita facela o cliente.

Aínda que puideran parecer todos iguales, os traxes de Xenerais e Correos levan case sempre deseños orixinais, aínda que mantendo a estética marcial combinada coa profusión de dourados, flecos, borlas, galóns ou charreteras (adornos nos ombreiros).

Neste tipo de roupa, coma en todo, tamén hai modas. «Agora lévanse os traxes moi rechamantes. O ano pasado fixen dous en teas de cor azul eléctrica e xa teño dous máis encargados. Lévanse os traxes moi vistosos», explica a estradense.