O Naranxo recupera os Cantares de Cego no entroido de Lalín

d. cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

D. C.

O Vermú de Señoritas celebrará o 15 aniversario cun «baile de debutantes»

30 ene 2025 . Actualizado a las 12:29 h.

O Naranxo argalla unha gran festa para o entroido de Lalín na que o Vermú de Señoritas e o Santo Torrisco serán, de novo, protagonistas de excepción. Jimmy Blanco, Miriam López e Meijome presentaron as actividades que teñen preparadas, entre as que destaca a recuperación dunha das marcas de identidade do entroido local, os Cantares de Cego.

Como marca a tradición, o venres, neste caso o 28 de febreiro, volverán os Cantares de Cego, aínda que será «un pouco sorpresa», xa que non dixeron por onde ían saír. O único certo é que visitarán algúns locais do casco urbano cun cego e o seu lazarillo, que contarán un crime no que intercedeu o Santo Torrisco. Logo aproveitarán para cantar as coplas de cego, que só se entoarán esa noite. O sábado 1 de marzo, tralo Vermú de Señoritas, organizarán unha foliada do Santo Torrisco nunha ubicación que tamén será sorpresa, aínda que se o tempo acompaña podería facerse na Praza da Igrexa.

«A idea é recuperar o ideario inicial do santo, que era o de ser patrón dos músico. O das coplas foi algo posterior. Empezarase no Alola porque é onde temos o santo, e de aí segundo xurda», explicou Meijome. Dende O Naranxo non confirmaron se haberá procesión, todo será en función «de cómo se sintan os músicos».

Ese mesmo sábado terá lugar unha das citas máis sinaladas do entroido lalinense, o Vermú de Señoritas, que cumpre 15 anos. Para celebralo homenaxearán como manda a tradición ás 12 primeiras señoritas que retomaron o hábito de Senande e Mondelo.

Pioneiros

«Parecíanos moi boa idea recuperar esa tradición, sobre todo porque era algo que a xente esperaba. O primeiro ano saimos 12 señoritas —Meijome, Jimmy Blanco, Javi Cuíña, Josóleo, Tito Lamego, Senande, KG, Celso Sanmartín, Luchi, Fran Lareo, Benxa Otero e Ignacio Vilariño—, e como xa están en idade de merecer, imos facer un baile de debutantes seguindo o protocolo do Casino de Pontevedra», sinalou Jimmy. Enfant Bello será o mestre de cerimonias dunha danza na que, entre outros requisitos, o máximo que poderán deixar ver serán os seus nocellos.

A quedada do vermú non mudará, sendo ás 12.00 horas diante do Café Camilo, e tamén actuará o gran Pachi Show. Logo celebrarase unha comida no Sazón e Son da que comezarán a semana que ven a vender as entradas por un prezo de 32 euros.

O Naranxo destacou a implicación dos locais de hostalería da Praza da Igrexa —Asubío, Café Casino e Currás—, que coa axuda do Concello colaboran co entroido cunha festa pola tarde con charangas, DJ e coa instalación dunha carpa en caso de mal tempo.

Enterro da sardiña

O domingo tomará as rendas da celebración a asociación veciñal da Cacharela, retomando O Naranxo a festa entroideira o mércores 5 de marzo co enterro da sardiña saíndo do barrio da Cacharela ás 20.30 horas. Na Praza da Igrexa queimarase o Meco e entoarán o último canto da copla. Piden que os asistentes garden un rigoroso loito para despedir o entroido.