A Estrada deu o pistoletazo de saída o Entroido dos Xenerais da Ulla

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

miguel souto

A parroquia de Couso recibiu a autoridades e membros dos oito concellos

09 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Entroido dos Xenerais da Ulla deste ano, Festa Turística de Interese Galego desde 2013, presentouse onte na parroquia estradense de Couso nun acto realizado en colabora dos oito concellos que integran a Asociación para a promoción conxunta do Entroido tradicional do Ulla e que son os de A Estrada, Santiago de Compostela, Boqueixón, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Un acto no que se puxo en valor o traballo no rural e unha tradición que medra cada año en participantes e visitantes.

Non faltaron os verdadeiros protagonistas deste Entroido que deron cor ao pistoletazo de saída da festa da que este ano foi anfitrión A Estrada. Na presentación, Pablo García, Chichas, destacou en Couso que «Os Xenerais da Ulla non serían o mesmo sen outro dos seus grandes protagonistas que se van recuperando pouco a pouco grazas aos veciños e as asociacións como son eses coros de Bonitos, cheos de sátira e humor que dan vos a retranca popular e fan do Entroido unha celebración viva e en constante evolución, sobre todo, facendo un resumo con ese humor de todo o que acontece no concello en nas distintas parroquias».

Rosa Iglesias como representante do colectivo de Xenerais dos oito concellos explicou que «non son máis que a voz de todos eses colectivos que ano tras ano loitades e loitamos por manter viva esta tradición, unha tradición que se mantén ao longo dos anos, que nos foron transmitindo os nosos devanceiros e que a nosa misión non é outra que transmitirllo aos nosos herdeiros». destacou que «non temos mellor herdanza que esta cultura que nos identifica , que nos da valor como pobo e que nos une». Manuel Brey, de Couso, destacou a figura dos correos, dos abandeirados e tamén «dunha parte importante desa mascarada que se fai no Ulla grazas a os directores, o coro de bonitos» neste caso integrado por xente nova da parroquia estradense. Brey animou a todo o mundo a «recorrer o Entroido con nos, cantar, comer, beber (o beber non é obrigatorio) e gozar de todos os entroidos que se fan en tódolos concellos».

Na presentación a asociación presentou un sombreiro que, apuntaba Brey, «é particular do noso Entroido que é o chambergo» agradecendo a unha señora de Santeles «que mantivo viva esta tradición e que grazas a ela, a fotos e textos, puidemos recuperar, grazas tamén a moita xente de Couso» reivindicando a figura de costureiras e xastres.

O director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, puxo en relevancia «ese arrecendo que xa hai xa de Entroido, un Entroido que demostra que non hai fronteiras. Son dúas provincias, oito concellos que traballan para que esta manifestación cultural e popular sexa cada vez máis valorada por todos, polos veciños dos oitos concellos, dos habitantes da contorna e por todos os que nos visitan».

Crecente participación

Dende o punto de vista turístico, comentou, «o Entroido cada vez é unha festa que máis gusta no inverno e a que máis visitantes atrae. Para nos é unha satisfacción colaborar e ver como cada vez veñen máis visitantes e cada vez participa máis xente». Destacou a crecente participación de xente nova nos Xenerais da Ulla e a posta en valor de outras tradicións que «veñen a enriquecer aínda máis». Merelles valorou especialmente o esforzo «dun Entroido tan custoso e de tanto traballo» que esixe tamén manter aos cabalos.

Pola súa banda o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, lembrou que todos eses personaxes: xenerais, correos, abandeirados, orei e raíña, coros de vellos e de rapaces «tiveron a súa orixe no século XIX nas loitas contra a inmersión francesa napoleónica, na revolución de 1846 que rematou na batalla de Cacheiras ou nas guerras carlistas que fixeron que as ridiculización das loitas armadas viñeran ata os nosos días e o humor destas batallas dialécticas fan que sexan hoxe en día eses ingredientes da cultura e mantén vivas esas tradicións».

Louzao quixo agradecer especialmente «o traballo desta xente do rural» que fai posible o Entroido e o mantemento das tradicións e ada cultura e aos que onte con ese acto de presentación no que estiveron presentes representantes municipais e da Xunta se homenaxearon.