
A asociación Vello dos Cornos de Merza, que preside Belén Guzmán, organiza mañá a gran cita entroideira, que se fai desde 1913
22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Belén Guzmán Perdigao non pode imaxinar a súa aldea de Merza sen a celebración do Entroido, un dos máis antigos da contorna ao situarse no 1913 o seu inicio, como reflicten documentos históricos que recollen aquelas primeiras entroidadas na localidade cruceña. Para manter viva a tradición naceu no ano 2005 a Asociación Vello dos Cornos, da que é presidenta desde 2013.
—Unha das primeiras cuestións que poden sorprender da asociación é o seu nome: Vello dos Cornos, é que existiu realmente?
—Si. Foi un personaxe que había na aldea, un home que levaba cornos, e que ía sempre coa súa parella: unha muller, a fiadeira, que en realidade era un home que levantaba as saias ás mulleres, e pola súa banda o vello aproveitada para meterse con elas. Unha situación que desembocada sempre nunha discusión entre os dous. De feito este ano, unha das novidades que teremos no Entroido de mañá é a recuperación da figura da fiadeira, que ata a data nunca estivo presente no desfile. O noso Entroido sempre se mantivo no tempo desde 1913, a excepción dos dous anos da pandemia e da Guerra Civil, cos mesmos personaxes que intentamos manter.
—A asociación constitúese no 2005. Sete anos despois entra de presidenta, nun cargo que mantén na actualidade.
—Con 18 anos xa entrei na asociación cos meus irmáns, e fun vogal ao longo de varios anos. Na familia Guzmán o Entroido vénnos de tradición polos nosos avós, pai, tíos... Levámolo no sangue desde pequenos. É unha das características da nosa familia, de todos os membros da mesma, e somos moitos... A constitución da asociación foi precisamente para que esta tradición non se perdese, contar cun organismo que avalase todo isto e así vénse facendo desde o nacemento do colectivo co seu primeiro presidente José Ramón Sillero á cabeza.
—Merza está no calendario das citas entroideiras da contorna. Como conseguiron este posicionamento?
—Con moito traballo. A asociación fixo posible que a tradición non se perdese, pero chegar ao nivel de público que temos agora é froito do esforzo de todos. Tardamos tres anos en conseguir isto, e agora o máis difícil é mantelo. Para lograr este obxectivo foi necesario implicar á xente de todo o municipio de Vila de Cruces, que non fose unha exclusividade da aldea de Merza. Por outra parte o facer un concurso con premios atractivos penso que tamén axudou a posicionar o noso Entroido entre un dos escollidos polo público para asistir.
—Falaba de premios, a canto ascenderán nesta edición?
—Posiblemente pasemos dos 1.200 euros. Como vén sendo habitual cos Vivas que lanzamos polas casas da aldea, aos veciños que así nolo permiten, xuntamos a cantidade económica que logo destinados aos premios do concurso. Os veciños son moi xenerosos, e incluso á marxe do diñeiro que nos dan polos Vivas aínda nos obsequian con algunha lambetada (ri). É un acto moi fermoso e entrañable. É unha mañá -a de mañá domingo- para visitar todos os veciños da aldea e falar con todos eles.
—Como arrinca a tarde?
—O noso Entroido, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, comezará ás 16.30 horas co desfile de carrozas, charangas e disfraces. Unha hora despois chegará o Alto dos Xenerais, discurso dos Mouros, repaso do Escribano e sermón do Frade. A excepcionalidade desta edición é que dos quince Xenerais que haberá no Alto, nove serán mulleres. Nunca se deu esta circunstancia nos anos en que vimos celebrando o Alto dos Xenerais, nunca chegaramos a este tope de participación feminina. É moi bo!
«A miña filla de 9 meses vestireina de Xeneral, tecendo continuidade na saga familiar»
Repartir máis de 1.200 euros en premios nunha aldea, como a de Merza, non é tarefa fácil, apunta a presidenta da asociación que non cesa de agradecer a implicación da veciñanza na festa pero tamén a doutros cruceños. «Temos no Alto dos Xenerais xente da aldea pero tamén de Besexos, Cruces e Fontao. Eramos conscientes de que para medrar precisabamos da participación de todo o municipio, e lográmolo». De feito no discurso dos Mouros dous dos participantes son de Cumeiro, e os máis novos xa comezan a pisar os talóns; «Ricardo e Juan, de 8 anos, e Carmen de 11 serán os Xenerais de menor idade desta edición». Certo que haberá unha bebé máis pequerrecha no Entroido, a filla de Belén de só 9 meses, que estreará traxe especial de Xeneral. «Non sabes a ilusión que me fai vestila de Xeneral... significa tecer a continuidade do Entroido na nosa saga familiar», explica.
A Asociación do Vello dos Cornos, cuxa directiva aspira a seguir traballando para que a tradición do Entroido non se perda nin esmoreza, conta con trece traxes propios de Xenerais, que se foron confeccionando paseniñamente, e do que se leva a cabo un traballo de mantemento do que son pezas únicas e de alto valor. «Un traxe é moi caro. Non sei agora mesmo canto pode custar, pero antes rondaba os 3.000 euros, de aí a necesidade de mantelos nas mellores condicións posibles para non sumar máis gastos aínda que para a edición de mañá sufragou a elaboración do traxe da fiadeira, a muller da Vella dos Cornos, que por primeira vez participará na entroidada».
Merza dá pois o pistoletazo de saída aos actos de Entroido na zona, o domingo antes da data oficial de comezo das celebracións; «sempre se fixo así e ímolo manter no tempo», apunta Belén.