Lamela celebra hoxe o carnaval con desfile, Alto e concurso de disfraces

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na parroquia silledense de Lamela hoxe é o día grande do entroido con Os Xenerais da Ulla como principais protagonistas. A asociación Anxela preparou unha xornada que comezará ás 16.30 horas. A baixada pola estrada Nacional 525 partirá desde a Porta do Sol ata o cruce da Despensa do Ferrador, sen que falten os Vivas dos Xenerais e o papel dos distintos integrantes deste entroido tradicional.

Coa chegada ao campo da feira acabarán os Vivas para dar comezo ao Alto dos Xenerais, onde a retranca dos protagonistas para «loitar» en verso comentando a actualidade, tanto local como xeral, fará as delicias do público presente. Está previsto que o Alto arranque a partires das 17.30 horas.

A festa non parará porque hai tamén concurso de disfraces, animando os organizadores a que o público acuda tamén vestido para a ocasión. Haberá premios para as mellores propostas, con 150 euros para o primeiro, 100 para o segundo e 50 euros para o terceiro clasificado por parte do xurado. A música tomará entón o protagonismo con sesión de DJ Calwin. Una xornada chea de animación en Lamela nesta cita marcada en roxo no calendario.