Unha batalla dialectal pechou na Bandeira a primeira Escola de Xenerais

Javier Benito
j. benito LA VOZ / LALÍN

DEZA

Miguel Souto

22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No auditorio Manuel Dopazo da Bandeira pechouse onte a primeira Escola de Xenerais da Ulla. Unha iniciativa que xurdeo para preservar este entroido tradicional nesta localidade e na que participaron máis de vinte nenos, dos que oito foron os escollidos para dar o Alto dos Xenerais na praza da Bandeira o propio día do entroido.

Os nenos fixeron dous talleres nesta escola, con sete sesións, tanto de rimas como de manualidades. No primeiro aprenderon acerca das distintas métricas, técnicas de improvisación e tipos de coplas galegas, como cantigas, arengas ou regueifas. No de manualidades os máis pequenos fixeron o seu propio sombreiro de Xeneral, así como galóns de batalla. Tamén confeccionaron un caderno do entroido deseñado pola profesora de educación infantil, Nerea Costa. Contén debuxos, xogos de palabras ou sopas de letras, entre outros elementos relacionados co carnaval galego en xeral e en particular cos Xenerais da Ulla.

Na última sesión da escola celebrada onte houbo representación do aprendido nunha batalla dialectal, con intercambios de arengas acerca dun tema concreto de carácter social ou político. Por outra banda, os escollidos para o Alto fixeron a representación a modo de ensaio. Tampouco faltaron os Vivas e un repaso a todo feito nos talleres, e entrega dun diploma a cada neno.