
A proposta escultórica do grupo de Misha Bies Golas en «Ollos de vidro» en Santiago inclúe referencias locais como Asorey e a súa obra de Loriga
09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Na exposición aberta recentemente na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia en Santiago, bautizada Ollos de Vidro. As formas doutra historia de Galicia e comisariada por Germán Labrador Méndez, atopamos un conxunto escultórico que chama a atención do espectador. Semella un belén sen Virxe ni San Xosé, que lembra aos de Arturo Baltar polo principal material empregado, o barro mesturado con palla e estoupa. Todo elo sobre bases de cartón. Una instalación feita por Nova Escultura Galega (NEG), grupo de artistas integrado polo lalinense Misha Bies Golas, Jorge Varela, Alejandra Pombo Su e Diego Vites.
Conta Misha Bies Golas que foi un conxunto feito no propio auditorio nun só día polos catro artistas, en base a un encargo específico para a exposición en canto a algúns motivos pero onde tamén eles aportaron as súas propias interpretacións. Traballaron con unhas listas para unha obra con un gran compoñente de acción, como apunta o artista de Lalín. Arredor de 240 quilos de barro empregaron nas case medio centenar de pezas que fixeron e mantiveron frescas ata a inauguración da mostra, en concreto tres días.
Foi unha produción feita de forma moi áxil, onde cada un foi modelando as esculturas exhibidas sobre bases, columnas de 120 centímetros de altura feitas con cartón. Detrás hai alusións a pezas feitas con barro e herba no campo de concentración de Gurs en 1939, na fronteira francesa. Dialogan tamén co imaxinario da exposición. Entre elas non falta algunha referencia local, neste caso polo interese que os catro integrantes de NEG teñen pola obra o escultor Francisco Asorey e máis en concreto pola que fixo do aviador Joaquín Loriga, que luce en Lalín. Unha escultura para eles icónica, apunta Misha Bies Golas, polo avión invertido, a forma da base,...
Un conxunto onde, como destacan desde a organización da mostra, falan tamén da confusión nos bustos que Velázquez lle envía ao rei de Inglaterra ou das fábulas sobre a escultura de Pedro IV de Portugal e Maximiliano de Austria. Evocan na algunha das esculturas exhibidas o Estanque dos Papas, con forma de trevo de catro follas e que está no Parque do Pasatempo de Betanzos, onde dun único molde fixeron 265 bustos de cemento.
NEG leva xa uns anos de traxectoria, nun principio con Misha Bies Golas e Jorge Varela. Despois dunha mostra en Guimarães na que invitaron a participar a outros artistas uníronse ao grupo Alejandra Pombo Su e Diego Vites. Xa atesouran varias exposicións propias ou presenza noutras colectivas como a aberta en Santiago e que poderá visitarse ata o 25 de maio. Nela faise uso da imaxinación, como di Germán Labrador, para facer unha viaxe imprevista por experiencias colectivas de Galicia dos últimos 150 anos, repartidas en cinco episodios.