
Eutropio Rodríguez e Javier Iglesias firman un libro de referencia sobre esta celebración
09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Catro anos de traballo, concentrado nas datas específicas do entroido do 2019 ao 2023, quedaron plasmados en imaxes en Viva!, un dos libros de referencia do entroido tradicional que protagonizan os Xenerais da Ulla. Unha publicación presentada nestes días pasados tanto na Estrada como na Bandeira ou Merza, na nosa zona, onde ten moito peso este carnaval xunto á comarca de Compostela. Pero os autores da obra, Eutropio Rodríguez e Javier Iglesias atoparon un en Dombodán, en Arzúa, e deron con outro en Carcacía, en Padrón, que non está activo pero viron os traxes nunha, sen que finalmente as imaxes tomadas saian no libro.
A idea naceu no 2015 cando A Central Folque propón a Eutropio Rodríguez facer fotos no entroido de Touro «e descubrín que era moi potente e quixen facer un documento da miña terra, Santiago, e dos Xenerais da Ulla!». Para reducir os tempos, xa que moitos festexasen nas mesmas datas, contactou con Javier Iglesias para repartilos e poder, nun día, cubrir ata catro á vez entre os dous. Pretendían facelo en dous anos pero foron catro de traballo.
Nos preparativos e para localizar todas as citas deste entroido tradicional contactaron con Fernando Reyes, director musical de Resonet, que firma ademais un artigo final no libro que complementa as 154 imaxes que o integran. «Controla moito sobre o Barroco e eu traballei moito con el e con Resonet; foi facendo investigacións e fala de que a tradición dos Xenerais viña dos séculos XVII e XVIII, aínda que a suposta orixe oficial está no XIX», comenta Rodríguez.
Ambos autores quixeron enfocar este entroido tradicional desde unha visión moi moderna, que plasmaron nun libro publicado en xuño do 2024 pero que reactivaron nestes recentes tempos da celebración. Un Xenerais da Ulla aos que aínda lles queda un Alto, en Arnois (A Estrada), programado para o día 22 de marzo tras suspendelo onte pola previsión de choiva.
Na selección das fotografías buscaron certo equilibrio na narrativa, contar unha historia co telón de fondo dos Xenerais da Ulla. Un percorrido que comeza no de Lamela, en Silleda, para acabar cunha imaxe do de Vilanova, en Vedra. Polo camiño un repaso a este entroido tradicional en distintas parroquias dos municipios de Silleda, A Estrada, Vila de Cruces, Touro, Teo, Santiago, Vedra e Boqueixón. Suman tamén imaxes tomadas en Vilariño de Conso, Viana do Bolo e Ourense. Un traballo de grande interese artístico pero tamén etnográfico, para atesourar ese patrimonio tan relevante e que definen as xentes de comarcas como Deza e Tabeirós.