











Teté Delgado e Marta Alonso contan dende o Arena as súas impresións sobre a gala de mañá
14 mar 2025 . Actualizado a las 16:09 h.O Lalín Arena estase a converter nestes días nun escenario de cine, ou mellor dito, nun enorme plató de televisión. Este sábado celébranse os Premios Mestre Mateo (22.00 horas, TVG) e os operarios traballan contra reloxo para deixar o recinto en perfectas condicións. É a primeira vez nos seus 23 anos de historia que a gala realízase lonxe das cidades, sendo a capital dezá a protagonista dun fito coa que a Academia Galega do Audiovisual busca achegar este evento a todos os recunchos de Galicia.
Por iso trátase dunha entrega de premios, se cadra, máis especial do habitual. Todos os implicados traballan arreo para coidar os detalles, pois calculan que unhas 900 persoas presenciarán a gala in situ. A mestra de cerimonias será Teté Delgado. Atopámola ao pé do escenario, rodeada de bailaríns e baixo as ordes de Marta Alonso, coreógrafa e directora artística da gala.
A sintonía de todo o equipo artístico é máis que evidente. O traballo flúe ata que chegamos nós, momento no que pausan os ensaios para contar a La Voz as súas sensacións a poucas horas de que arrinquen os XXIII Premios Mestre Mateo.
«Ensaiando unha das coreografías emociónome tanto que ao principio váiseme un paso, teño que controlar esa emoción», comenta divertida Teté. «Presentar unha gala está moi ben, pero non pode ser texto, texto e máis texto porque é un aburrimento», engade. A polifacética artista pon en valor o labor dos coreógrafos, Xián Martínez e Esther Latorre, así coma o do elenco. «Eu véxome en condicións idóneas, agora estamos tres días aquí concentrados e é cuestión de repasalo mil veces coa música», apunta Teté mirando de esguello a Marta.
A pesar da súa máis que recoñecida traxectoria coma bailarina e coreógrafa, é a primeira ocasión na que prepara unha gala destas características. «É un gran reto, pero estou moi ben acompañada, tanto pola equipa directiva da academia, como pola artística. O feito de ser na televisión implica unha serie de novidades: a relación coa xente de realización, a cuestión da iluminación ou as necesidades específicas que ten unha retransmisión televisiva, como pode ser o funcionamento das pantallas. É unha aprendizaxe moi grande e nese sentido véxome moi acompañada pola xente da TVG», explica Marta.
Un espectáculo «do copón»
«A televisión é un caos por definición», sinala Teté, quen asegura estar convencida de que a cerimonia sairá xenial. «Eu non é que estea apoiada, é que estou segurísima de todo o que digo, que está marabillosamente escrito. Pódeseme ir algunha morcilla, pero vamos, Manolo Cortés e Carlota Mosquera, con iso o digo todo», subliña en referencia aos guionistas. Doutra banda, tamén mencionan a labor da directora de arte e audiovisual, Laura Iturralde.
Máis aló da súa dilatada experiencia nos escenarios, a presentadora recoñece ter nervios, mais non dos que atenazan, senón aqueles que lle dan azos para sacar adiante un gran espectáculo. «Creo que non hai que telos, procuro non ter eses nervios que me restan. Sáeme ter os que tiran cara arriba, que tamén supón un respecto ao público. Esas gañas de facelo ben porque a xente merece un espectáculo do copón», sostén.
Por último, estando en Lalín, é de obrigado cumprimento preguntar pola estrela da vila: o cocido. «Durante a gala non sei, pero antes ou despois, haberá seguro», comenta Marta Alonso. «Eu xa podo dicir que antes, non», conclúe Teté entre risas.
Martín Cañedo, director de produción: «Aquí a colaboración é absoluta»
Oestradense Martín Cañdo é o home para todo. Director de produción dos Mestre Mateo, esta é a súa terceira gala. «Supón un reto porque non hai todas as infraestruturas que podes ter nunha cidade, pero non estamos lonxe de Santiago e outros sitios para suplir iso», asegura.
En calquera caso, puxo especial fincapé no ben que foron recibidos en Lalín e as facilidades que están atopando para desenvolver a cerimonia. «Gústame porque noto que cando chegamos a sitios menos habituais, ábrenche as portas doutra maneira. Aquí, o Concello foi incrible e a colaboración é absoluta. Están á nosa disposición, e iso non é tan habitual cando vas a un auditorio no que hai bolos e eventos todas as semanas. É máis familiar», explica.
Martín leva unha grande responsabilidade ás costas, que comeza dende a pre-produción da gala, na busca de patrocinadores ou participando na decisión do formato, a imaxe ou o equipo. Nesta edición, como no 2022, apostan por facer unha cea previa a gala e distribuír ao público en mesas. «É un formato semellante ao dos Globos de Oro, aínda que é outra historia. Buscamos darlle un aire distinto, cambia toda a loxística e iso complícanos porque temos que dar de comer a 900 persoas. Para nós é máis complicado este formato», sinala.
Minicines Central entregará un dos galardóns
Os cines da Estrada representarán ás salas de exhibición de Galicia nos Premios Mestre Mateo. Luis Rivadulla, responsable de Minicines Central xunto con Pilar Matalobos, anunciou que farán entrega dun dos galardóns. Trátase dunha boa nova para as salas, xa que, segundo indicou, estaban «un pouco esquecidas». Deste xeito, a Academia Galega do Audiovisual dálle a presenza que merecen nesta cerimonia. De feito, é a primeira vez que un responsable dunha sala de cine galega entrega un premio nos Mestre Mateo.
Por outra banda, Luis Rivadulla tamén puxo de manifesto a importancia de apoiar ao sector, evitando os peches e animando á apertura de máis salas. Na actualidade hai 30 localidades en Galicia que teñen espazos de cine, dos cales apenas chegan a unha ducia os que están dirixidos por empresas locais.