«As trampas teñen que poñerse en función da climatoloxía, e non colgalas todo o ano»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As primeiras velutinas que se detectaron en Lalín foi polo ano 2015, despois do primeiro exemplar aparecido en Irún no 2010, ás que pouco interese se lles prestou, lembra o apicultor lalinense David Liñares.

—Era algo que se ollaba dende a distancia, e pasou coma co coronavirus. Pensábase que non pasaba nada ata que tivemos o problema encima, e que sabemos agora que non vai desaparecer.

—Que supuxo a chegada da vespa velutina para os apicultores?

—Un cambio radical no manexo das abellas. Os meses que estabamos facendo outras tarefas hai que dedicalos ao trampeo e na época da melada tes que estar defendendo as túas colmeas. Ao final isto supuxo un incremento nos custes, un gasto no tempo que dedicabas ás abellas dedicalo ás velutinas cando o noso rendemento procede das abellas, non das vespas velutinas.

—Cal é o momento axeitado para realizar os trampeos?

—As trampas que teñen que poñerse en función das condicións climatolóxicas, e despois hai que recollelas e non deixalas penduradas nas árbores o ano enteiro como se fosen adornos de Nadal. Cando quece o tempo, cando superamos os 12 ou 14 graos de temperatura varios días consecutivos aí é cando se debe facer o trampeo, e sempre en zonas de floración onde teñamos pexegueiros ou camelias que lle gustan ás velutinas. Dicir que non todas as camelias lles interesan, só aquelas que teñan estambres amarelos, as outras non. Posteriormente haberá que situar as trampas nas proximidades das colmeas, e en termos xerais o trampeo lévase a cabo ata finais de maio. Despois toca recoller as trampas, lavalas e gardalas ata o ano seguinte, e acabar coa costume de deixalas nas árbores, que non serven para nada máis que para que o líquido cheire mal.

—Despois de anos de prácticas de trampeo, fanse correctamente?

—Non. Está mal prantexado, colócase mal e póñense as trampas onde non lle interesa para nada as velutinas en zonas, por exemplo, onde non existe floracións que lles resulten atraíntes. A xente, en xeral, comeza a poñer as trampas cando ve velutinas pero hai que facelo antes, cando se observa a súa presenza é tarde.

—O Concello de Lalín promoveu charlas informativas e organizou o Gran Prix das Velutinas, pero fai falla máis formación?

—Posiblemente, aínda que a posta en marcha do concurso do Gran Prix penso que foi unha boa iniciativa na que se involucrou a veciñanza das parroquias de Lalín no trampeo, e chegáronse a contabilizar 8.000 velutinas capturadas.