Cento oitenta coches clásicos, na undécima ruta de O Toxo

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rocío Ramos

A escudería lalinense pechou a inscripción en tempo récord

29 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Ruta Clásicos do Cocido, que organiza a Escudería o Toxo, é un dos eventos máis multitudinarios dos que organiza o colectivo lalinense. A proba está nos datos acadados para a cita deste sábado; 180 vehículos participantes e 300 comensais.

A ruta chega á súa undécima edición sendo, xunto coa mariscada que celebran anualmente a finais de setembro ou comezos de outubro, a que suscita máis interese. «A xente ten gana de festa, e nótase no pronto que pechamos as inscricións», comenta desde a escudería lalinense, Toño González. Así á semana e media de abrir o prazo para os interesados en participar na ruta, a organización veuse na obriga de colgar o cartel de completo. Trescentas persoas xa formalizaran a súa inscrición para tomar parte na actividade deste sábado que inclúe unha ruta pola comarca e un xantar no Restaurante Casa Pablo, de A Goleta, con protagonismo para o cocido. «Case un mes antes de que rematase o prazo previsto pola escudería xa estaba todo completo, e se houbese espazo para 800 persoas creo que se xuntaban», explica con satisfacción González.

A Ruta Clásicos do Cocido xuntará nesta edición a uns 180 vehículos cuxa procedencia será maioritariamente da zona, ademais doutros chegados dende as provincias de Pontevedra, Ourense e Coruña. Dende as dez da mañá deste sábado na rúa Rosalía de Castro, de Lalín, poderán verse todos os coches que tomarán parte na ruta ao facerse entrega nese espazo dos dorsais acreditativos a todos os participantes inscritos por parte dos directivos da Escudería O Toxo. Vehículos extremadamente coidados polos seus donos, algúns con moitos anos ás costas, «os máis vellos poden datar dos anos 40 aproximadamente, e sempre chaman moito a atención do público». Seguidamente terá lugar a ruta por distintos puntos da comarca, para finalmente disfrutar do xantar de confraternidade a partir das 14.30 horas.

Unha actividade que forma parte do amplo calendario de iniciativas que promove o colectivo lalinense ao longo do ano, sendo este ruta e a mariscada posiblemente das que congrega máis participantes, pero ás que hai que sumarlle a celebración do magosto e outras rutas máis. «Á mariscada sempre nos xuntamos máis de 200 persoas. Facémola nun restaurante ao pé do mar e é moi agradecida e demandada polos asociados, e as rutas que se programan por concellos da zona tamén son moi seguidas», contextualiza González.

As próximas citas previstas pola Escudería Clásicos O Toxo para os seus asociados serán dúas rutas máis, a que pasa por Leiro e unha segunda polo municipio de Vila de Cruces, esta última con motivo da celebración da festa gastronómica do Galo de Curral no próximo mes de maio, e en ambas contando coas colaboracións dos concellos polas que transcorren.