Por segundo ano consecutivo A Riala Taberna organiza o ciclo cultural «[· ] de Encontro», que se desenvolverá entre abril e agosto con máis de vinte actuacións nas que se mesturan estilos musicais que van dende o pop ata o punk, pasando polo rock, jazz e folk. Aínda que non todo será música, apostando por outras propostas artísticas como a poesía, a prosa e ata catro sesións de humor baixo o formato «ontheroad openmic».
A estrea será o xoves 1 de maio co concerto de Exquisitos Ghipies de Merda. A partir de entón, as sesións celebraranse semanalmente, alternando entre os xoves ás 21.00 horas e os sábados ás 13.30, con algunhas excepcións. Por outra banda, un domingo ao mes haberá unha sesión de humor ás 20.00 horas.
As actuacións contarán cun sistema de taquilla inversa. O público recibirá unha entrada ao chegar e, unha vez finalizado o espectáculo, decidirá libremente a cantidade a aportar.
Programación
O sábado 10 de maio será a quenda de Isabel Rei; o xoves 15 Silandeira; o 5 de xuño, Mago Noel; o 12 de xuño, Sofía Espinheira; o 21 de xuño, Verter GZ; o 10 de xullo, Brais Morán; o 19 de xullo, Distance Sister; o 24 de xullo, Darlle Bolo; o 2 de agosto, Baraza; o 7 de agosto Lideira; o 23 de agosto, Gran Bazar; o 28 de agosto, Jazzy Jockers; e o 13 de setembro, KA0MI.