A Xesteira inunda Couso de música e cultura en agosto

naiara gonzález / j. b. A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Cedida

Lagharteiras, Silva Redonda e Alvariza no festival deste ano

16 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Couso volverá a ser a sede da música tradicional no mes de agosto coa chegada dunha nova edición do Festival as Nosas Músicas, organizado pola asociación A Xesteira. O festival, que recibiu o Premio Martín Códax da música, cumpre este ano 28 edicións, contando cos dous anos de parón que tivo debido á pandemia.

Tal e como anunciaron onte dende A Xesteira, como cada ano esta iniciativa aposta polo fomento da cultura e da música tradicional, que impulsan a través dos concertos e actividades que compoñen a súa programación.

A celebración arrincará o mércores 13 de agosto ás 17.00 horas, con actividades tradicionais, seguidas da apertura da feira de artesanía ás 18.00. Ás 19.00 horas terá lugar o espectáculo de monicreques e dunha foliada protagonizada por Ultreia e os gaiteiros e gaiteiras de Barbude, entre outros grupos.

O xoves 14 é o día central do festival, que abrirá ás 12.00 horas coa mostra de artesanía. Para seguir coa xornada estrela, farase unha mesa redonda na honra á tradición oral da nosa terra, que ademáis este ano foi homenaxeada no Día das Letras Galegas. Esta mesa estará composta polas Pandereteiras de Buxán, María Vidal, Uxía da Pontragha, Belén Tajes e Leticia López Rey, e estará presentada por Pilar García Rego. Despois disto, pasarase á sesión vermú amenizada polas Pandereteiras de Buxán e pola charanga Benofan. Tamén, sacarán a relucir ós xigantes e cabezudos de Couso que destacan coma unha das grandes recomendacións destas xornadas.

Pola tarde volverán a estar abertas as actividades tradicionais, así como a mostra de artesanía, acompañados do Obradoiro de baile con Montse Rivera, que se converteu nunha sinal de identidade desta festividade, debido á súa celebración ano tras ano.

Xa ás 21.30 horas comezará o festival, cos concertos de Lagharteiras, Silva Redonda, Alvariza e A Banda das Crechas. Haberá ambientación entre os concertos, e realizarase a entrega do Premio As Nosas Músicas, que se dedica a aquelas persoas que traballan a prol da cultura e da música tradicional, e que este ano se concedeu á cantante Mercedes Peón.

Máis alá da música, ese acto destaca pola súa implicación ao favorecer a presenza feminina nos escenarios e ao longo de todas as actividades realizadas durante as xornadas. Tamén, para maior comodidade, durante estes días poñerase a disposición dos asistentes unha zona de acampada, servizo de autobuses para ir e volver ata a festa e unha área gastronómica onde se poderá comer e cear estes días.

Dende a organización agradeceron á xente da contorna, e a outras asociacións alleas como a do Riveiro de Couso pola colaboración que desempeñaron para facer posible que este festival siga en pé ano tras ano. Onte foi a presentación do festival no consistorio por representantes municipais e de A Xesteira.