
Galaxia publicou un volume de Xesús Alonso Montero que recolle a súa relación epistolar de décadas co escritor de Gres
26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A editorial Galaxia, festexa os seus 75 anos de vida, publicou recentemente un de eses libros dos que podemos escapar nun principio polas súas 770 páxinas pero que, unha vez posados os ollos no seu arranque, queres chegar ata o final. Porque estamos ante a memoria de dous pesos pesados das letras e a intelectualidade galega. Por un lado, Xesús Alonso Montero, quen compila 269 cartas que intercambiou ao longo de case medio século co noso escritor dezao, co noso neno de aldea, dese Gres case mítico. Falamos, xa o saben, de Xosé Neira Vilas.
Correspondencia 1965-2014 conta cun limiar de Alonso Montero que permite intuír o que atoparemos nas misivas cruzadas entre ambos. Por certo, a maioría do escritor das terras de Vila de Cruces, con 198, mentres do intelectual vigués atopamos tan só 54. A súa lectura permite, por unha banda, constatar a boa relación que mantiñan tamén na distancia, xunto a vivida en múltiples encontros persoais de ambos autores. Pero tamén permiten constatar a erudición e capacidade para empregar a linguaxe con tintura de literatura nun intercambio epistolar.
O maior protagonismo o cobra Neira Vilas e as súas cartas afondan en aspectos do seu pensamento vinculados a súa estancia en Cuba, á súa achega á galeguidade ao outro lado do Atlántico. Tamén podemos achegarnos a súa visión do marxismo e a revolución cubana. Entre outros motivos porque teñen esas misivas un gran peso no conxunto, dende 1965 ata o retorno do escritor en 1992 a terras galegas. Xesús Alonso Montero amosa curiosidades respecto a ese conxunto, como que dúas das cartas foron realmente redactadas por Anisia Miranda, a muller de Neira Vilas, ou que unha das mandadas por el en realidade foi escrita pola súa esposa, Emilia Pimentel.
Asegura Alonso Montero que «estabamos chamados a entendérmonos e querérmonos», ambos nados o mesmo ano e o mesmo mes, en novembro de 1928. Tamén afirma que non pode precisar cando Balbino Neira Vilas, así chama ao amigo, «e mais o universitario Alonso Montero sentiron as primeiras chamadas do marxismo; creo que non houbo moita diferenza cronolóxica». No limiar cualifica de grandioso ese epistolario iniciado en 1965, así como a súa expresión: «E digo grandioso pensando, exclusivamente, no exemplar cidadán Xosé Neira Vilas, exemplar como unha peza moi activa daquela fermosa revolución e como militante abnegado, sen carné, da causa da galeguidade, primeiro en Bos Aires e, logo, en Cuba». Eses dous grandes compromisos do escritor de Gres poden atoparse nas misivas espalladas por unha inxente obra que ben merece atopar tempo para a súa lectura e afondar no coñecemento de dous piares tan relevantes da cultura de Galicia.
Dende a Fundación Neira Vilas tamén destacan que o escritor foi un gran tecedor de afectos e reflexións a través das cartas. En redes sociais lembran que están publicadas as súas epístolas con figuras centrais da cultura galega como Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Isaac Díaz Pardo, Manuel María ou Francisco Fernández del Riego.