
Peregrinus Dezae cre que a proposta é innecesaria e levaría a confusión
10 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A denominación oficializada en 2016 do Camiño de Inverno causou dende os seus inicios moita controversia entre os colectivos relacionados con esta ruta. Un dos motivos é a crenza de que o nome asusta ós peregrinos, que en moitas ocasións preguntan se o camiño está en malas condicións, se hai mal clima, ou incluso se é transitable. Lonxe de todo isto, este nome foi escollido pola facilidade que este sendeiro ofrecía para desprazarse en caso de que nevara no Cebreiro, aínda que, segundo apunta Enrique Álvarez, presidente da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, hoxe en día existe outra realidade, debido á diminución das nevadas nesta zona.
A confrontación de ideas entorno a este nome maniféstase na actualidade máis que nunca, coa proposta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra de engadir «Sacro», ao actual nome oficial do Camiño de Inverno. Esta idea, impulsada pola postura de que o nome é confuso para os peregrinos, que dudan se se pode facer noutra época que non sexa inverno, está a causar controversia entre colectivos como Peregrinus Dezae en Lalín.
Daniel Antelo, membro desta asociación, sostén que esta ampliación do nome debe ser valorada entre tódolos colectivos afectados, apuntando que non só depende das asociacións, senón de moitos outros factores. Incide en que este camiño atravesa as catro provincias galegas, tocando un total de vinte municipios ao seu paso, polo que considera de gran importancia o diálogo entre tódolos afectados por esta modificación.
«Ellos quieren llamarlo así para que no haya confusión, pero decenas de miles de peregrinos se informan en guías que recogen el nombre oficial desde el año 2016. ¿Y ellos quieren llamarlo a mayores «Camino Sacro?», reflexiona Daniel Antelo ante a idea de que a modificación do nome aclararía as confusións respecto á ruta.
Á espera do próximo encontro para dialogar sobre este tema, Daniel Antelo recalca a importancia do debate e da posta en común sobre calquera iniciativa e proposta que se queira levar a cabo. «Estos temas se hablan», apunta. O responsable de Peregrinus Dezae sostén que levar a cabo a ampliación do nome non será unha tarefa doada para os interesados, sinalando o rexeitamento que provocou esta nova suxestión nalgunhas persoas involucradas no Camiño de Inverno:: «No creo que a nadie le parezca bien el aumento del nombre».
Co fin de aclarar esta cuestión, asociacións como a Federación Galega de Amigos do Camiños de Santiago (FEGAC), Peregrinus Dezae, Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras e a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno están en proceso de organizar unha reunión coa Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. A pesares de que aínda non se concretou a data, Javier Gómez, presidente da Federación Galega, expresa o seu interese en que o acto se efectúe o máis pronto posible.
Agora o máis importante é o trazado do camiño, que conta con puntos negros
Os colectivos participantes nesta futura reunión coinciden en que é preciso intercambiar opinións tendo en consideración a tódalas asociacións que están no camiño. Asunción Arias, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, incide en que a decisión non é inmediata, senón que depende dunha serie de trámites e consensos que están aínda por definir. Destaca que neste intre esta non é unha das principais preocupacións da asociación, en cambio o prioritario agora mesmo é velar polo bo estado e seguridade do Camiño de Inverno. «Agora mesmo o máis importante é o trazado do camiño, que conta con varios tramos con puntos negros, o prioritario é a seguridade e o peregrino», comenta.
Dende a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, o seu presidente Enrique Álvarez manifesta a súa expectación á reunión, aínda que considera como «un pouco longo» o novo nome proposto. En relación coa confusión que pode causar o nome do camiño resaltada pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, o presidente sostén que este camiño se realiza con maior frecuencia noutras épocas do ano como outono e primavera, polo que non o considera coma un problema. Non obstante, móstrase aberto a calquera decisión. «Se entre todos se decide aceptar que se cambie, non teño ningún problema, hai que esperar á reunión», afirma.