A Empanada estrena declaración de Interese Nacional retomando o formato tradicional
DEZA

Música e gastronomía únense este sábado na Carballeira da Pomba, que agarda xuntar a unhas 10.000 persoas no regreso da cea das peñas
22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os festexos de verán da Bandeira teñen o sábado o seu prato forte —e nunca mellor dito— coa 49 edición da Festa da Empanada, que estrea a declaración de Interese Turístico Nacional. A nova directiva da Asociación Amigos da Empanada, cuxo presidente é Manuel Cuíña deulle unha volta ao formato para retomar a tradición , concentrando o concurso e a poxa das empanadas gañadoras en horario de tarde.
A xornada festiva arrincará ás 11.30 horas cun pasarrúas ás 11.30 horas previo á celebración dos oficios relixiosos e a procesión, cunha sesión vermú ao remate amenizada pola Charanga Noroeste. A partir das catro da tarde comeza a Empanada na Carballeira da Pomba. Dende ese momento e ata as seis da tarde recolleranse as empanadas presentadas ao concurso.
Un xurado valorará o sabor, presentación e orixinalidade das empanadas que se presentan ao concurso, concedendo como é habitual premios en dúas categorías: amateurs e profesionais. Coas empanadas premiadas, será o momento de celebrar a tradicional poxa, a cargo de Pepe Ayude, na que as mellores empanadas poden alcanzar prezos de ata 2.000 euros. O recadado ten fins culturais e sen ánimo de lucro.
Pregón e verbena
Manuel Cuíña avanzou semanas atrás que o pregoeiro desta edición será o actor Xulio Abonjo, coñecido por series como Fariña, Pazo de Familia ou Cuestión de sexo, que sucederá nesta gran honra a Fernando Romay.
Na cita non faltará, ademais, a animación musical, coa actuación do grupo local Xirandola. Pola noite será a cea de peñas, na que os organizadores agardan alcanzar os 10.000 participantes. A partires das 22.00 horas comezará a xuntanza, amenizada por Varacuncas e Os Atrevidos. Por contra, a verbena volverá esa mesma noite á N-525, contando coas actuacións das orquestras New York e América.
Na presentación da festa, Manuel Cuíña agradeceu en nome da organización o apoio dos veciños e das institucións, empresas e comercios que colaboran. «Faise pobo cando todos e todas traballamos para o fin que nos ocupa, celebrar a mellor festa da contorna», salientou. Así mesmo, a alcaldesa Paula Fernández enxalzou a Empanada indicando que é «a festa de Silleda con máis proxección» e «unha seña de identidade do municipio».
Cartel
Por outra banda, o cartaz da Empanada desta edición foi elaborado polo fotógrafo e veciño da Bandeira Alberto Pereiras, en colaboración con Marcos Cardoso e Emse, que presentan o discorrer da festa e a implicación da veciñanza nela.
En canto ao apoio das institucións, ademais do Concello de Silleda, dende a Xunta a través de Turismo de Galicia, a Festa da Empanada percibirá unha subvención de 30.000 euros (5.000 deles aportados por Abanca), e outros 7.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra, que tamén colabora con esta cita a través do programa Máis Música, que traerá o venres a De Ninghures e Tiruleque.
Bandeirock e Esmorga Folk, dous festivais que coroan unha programación de alto nivel
As Festas de Verán da Bandeira son moito máis que a Empanada. Proba diso é a programación deste venres, onde destaca por riba de todo o Esmorga Folk, un dos festivais máis senlleiros do panorama galego da música tradicional, que este ano cumpre o seu 35 aniversario. Na cita, que comeza ás 21.30 horas na carballeira, estarán presentes Estraloqueiras, Carapaus, Tiruleque, De Ninghures e Catuxa Slalom.
Antes, a partires das 17.00 horas celebraranse xogos tradicionais infantís a cargo de Sororas e ás 19.00 horas terá lugar o Campionato de Tiro á Corda.
O domingo rematan as festas cunha xornada que arrinca cun pasarrúas da Banda de Música de Silleda, previo á misa cantada polo coro Vales Mahía (12.00 horas). A agrupación silledense tocará á volta da liturxia. Pola tarde haberá espectáculo infantil con Pulpiño Viascón (18.30, rúa Xeral) e a partires das oito serán os concertos da Banda de Silleda e da Recreativa da Bandeira.
Sen descanso
O mércores arrincaron os festexos co Entroido de Verán, mentes que o xoves celebrouse o Bandeirock, no que actuaron Rodrigo Ramos, Leria, Calle del Ruido e Cuarta Xusta. Ese día foi protagonista a empanadilla, cunha ruta de tapeo e un obradoiro infantil.