Obituario. Biólogo apaixoado e comprometido, investigou sobre os corais ou a píllara das dunas e foi voluntario de WWF España. Faleceu aos 27 anos
25 sep 2025 . Actualizado a las 12:55 h.A Emilio Andújar Porto a vocación de biólogo víaselle vir de lonxe. Medrou apegado ao campo e rodeado de libros de animais de todo o mundo, facendo rutas de sendeirismo coa súa familia e desfrutando da natureza a cada paso.
Desde cativo, as súas materias favoritas na escola e no instituto foron as Ciencias Naturais e a Bioloxía. Por iso a ninguén lle estranou que, chegado o momento de orientar o seu futuro académico, elixise o grao de Bioloxía da USC. Alí tivo a oportunidade de seguir profundando nas súas inquedanzas de neno e de descubrir novos campos do saber que tiña menos trillados. As súa preferencias seguiron sendo a zooloxía e o estudo da natureza, pero Emilio foi pouco a pouco descubrindo novas aficións. Foi así como se enganchou tamén á ornitoloxía, como se fixo submarinista para investigar en vivo e en directo a vida baixo as augas e como acabou enganchado mesmo á botánica, algo que de neno lle tiraba bastante menos.
O estradense tiña as cousas claras. Desde que comezou a carrerira soubo que quería enfocarse no estudo da biodiversidade e no traballo de campo. Por iso complementou os estudos de Bioloxía cun máster de Biodiversidade Terrestre e Conservación e por iso lle dedicou o seu TFG ao estudo dos corais nas costas de Foz. O seu TFM foi un estudo experimental sobre a píllara das dunas. Ámbolos dous traballos certificaron o seu amor pola natureza e pola súa terra, pero non foron as únicas contribucións do estradense á bioloxía e á ecoloxía galega.
Un soño cumprido
Coa idea de seguir estudando e ensinando sobre a natureza, Emilio encadeou diferentes traballos nos últimos anos. Foi técnico investigador, protector de especies ameazadas ou monitor de tempo libre en actividades de natureza, pasando entre medias polo que fora o seu soño de neno: ser coidador de zoo. Puido cumprilo no parque zoolóxico Marcelle Natureza (Outeiro de Rei), onde pasou dúas tempadas alimentando, revisando ou axudando á recuperación dos animais do centro.
Rapaz proactivo e comprometido, Emilio foi tamén voluntario de WWF (World Wildlife Fund), unha organización internacional independente dedicada á defensa da natureza e do medio ambiente. Con esta entidade colaborou nos anos 2023 e 2024 facendo mostraxes nas illas de Sálvora, Cíes e Ons sobre a cantidade de barcos que pasan polas áreas marítimas do Parque Nacional Illas Atlánticas, as aves mariñas que se atopan nesas zonas e a interacción sobre barcos e aves co obxectivo de coñecer os prexuízos do tráfico marítimo preto das illas e estudar as posibilidades de redución do mesmo.
Como técnico da Asociación Naturalista Baixo Miño (Anabam) o estradense tamén traballou na busca e protección de niños de Anarrhynchus alexandrinus e, na Fundación Matrix, no Proxecto Arieco de agricultura sostible de variedades galegas de millo e en mostraxes botánicas nos Parques Nacionais do Teide e Picos de Europa.
Como monitor, Emilio traballou nun campo de voluntariado internacional nas Illas Cíes e nas rutas guiadas ou as visitas a unha granxa escola no concello de Silleda, así como na empresa estradense Anacos Educativos durante un curto período de tempo.
O estradense tivo tamén tempo para o deporte, sendo membro durante anos da familia do clube Bádminton A Estrada, que onte fixo público o seu pésame pola prematura perda.
Emilio faleceu este martes aos 27 anos de forma inesperada deixando tras de sí un veo de tristeza e desconsolo entre os seus seres queridos. Sen embargo, o seu corazón nobre e o seu amor pola natureza pervivirán na memoria de todos os que tiveron a sorte de cruzarse no seu camiño.
O velorio estase a celebrar no tanatorio San Pelayo da Estrada, de onde hoxe xoves ás 14.00 horas será a saída para a incineración na intimidade familiar.