Café literario mañá en Gres cos poetas Claudio Rodríguez Fer e Miguel Anxo Fernán Vello
DEZA
Mañá domingo, día 19, na Fundación Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces) celébrase un novo café literario que nesta ocasión contará con dous poetas de longa, consolidada e relevante traxectoria. A partir das 18.00 horas, Claudio Rodríguez Fer e Miguel Anxo Fernán Vello, manterán unha conversa arredor do feito poético e a creación literaria. Unha xornada na que os asistentes poderán tamén achegarse á obra de ambos.
Rodríguez Fer, investigador, profesor e poeta, dirixe a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago e codirixe, con Carmen Blanco, a revista Unión Libre. Este ano recibiu o premio Babel de Literatura pola Universidade de Texas.
Fernán Vello, membro do padroado da Fundación Neira Vilas, foi galardoado recentemente co Premio Florencio Delgado Gurriarán por A porta da casa que se abre. Ao seu traballo como escritor súmase a súa labor como editor á fronte do selo Espiral Maior.
A Fundación Neira Vilas celebra o día 25 un roteiro polo Gres de Neira Vilas guiado por María Luz Barreiro e organizado pola Asociación Mestre Gacio de Boqueixón con saída ás 16.30 dende a Fundación. O 3 de novembro, o Día de Neira Vila, se lerá de xeito ininterrompido de Memorias dun neno labrego dende ás 17.00 horas. O 5 de novembro, ás 19.30 horas, na Libraría Pedreira de Santiago terá lugar a presentación da reedición da obra Castelao en Cuba de Neira Vilas e o día 27 de novembro ás 19.00 horas, no décimo cabodano de Neira Vilas, presentase na fundación a correspondencia do escritor con Xesús Alonso Montero.