Unha emerxencia cinexética necesaria

Fernando Rois

DEZA

22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cemerxencia cinexética que acaba de entrar en vigor é necesaria. Como somos necesarios os cazadores. A situación do xabaril chegou a un punto en Galicia que obriga a tomar medidas. Dende logo, a solución non pasa por quedar de brazos cruzados, nin por criticar que desde a Administración se tomen decisións. Iso non axuda a ninguén. Nin á xente que vive do agro nin a quen se lle cruza un xabaril no medio dunha estrada. Non debemos desviar a atención do verdadeiro problema, que non é cando se declara a emerxencia cinexética. É ata que punto aumentou a poboación de xabaril e que se fai para atallalo. Os que estamos sobre o terreo e coñecemos a situación de primeira man sabemos perfectamente da dimensión do problema. Pero é moi necesario que a xente que non está no noso día a día escoite os datos que acaba de dar a Xunta. Son datos contrastados, non opinións.

Calquera pode darse conta de que ano a ano van crecendo os avisos por danos, porque o xabaril converteuse nunha auténtica praga para o rural. Quero aproveitar para lembrar aos agricultores e os gandeiros que estamos ao seu lado, e que en nós teñen un aliado. Pero tamén foron aumentando as capturas, a pesar de que durante os últimos tempos pasou xusto o contrario coas licencias de caza, que foron moi a menos, entre outras razóns pola falta de remuda xeracional. Despois están os accidentes. Ninguén está libre de ir conducindo e atoparse de fronte cun xabaril. E xa non falamos so de estradas comarcais. Ata nas autoestradas temos visto accidentes cando estes animais irrumpen no medio do tráfico. Dende a DGT dicían estes días que xusto entramos na época máis complicada, porque cada vez temos menos horas de luz e conducimos máis cando xa é noite.

Este é outro bo motivo para pararse a reflexionar cando se cuestiona que sexa bo momento para declarar a emerxencia cinexética, se vai ser nestes meses cando os xabarís provoquen máis accidentes. Ademais, hai que lembrar que o xabaril é transmisor de enfermidades como a peste porcina.

E hai outra cuestión que non podemos esquecer. O xabaril ten impacto en nós, nas persoas, pero tamén noutras especies. Desde que son presidente de ATEGAL, teño alertado do problema que supón non facer control de depredadores. Levamos tempo vendo como vai a menos a caza menor e aumenta a caza maior. Temos o caso da perdiz. Un dos seus grandes depredadores é o xabaril, que arrasa cos ovos que poñen no chan.

Como sempre defendo e defenderei, as especies hai que controlalas, porque se non, se descontrolan. E aí estamos os cazadores, que non somos en absoluto parte do problema, senón todo o contrario, unha parte fundamental da solución. Ben sabemos que vivimos nunha época na que é moi fácil cargar contra nós, e que dende determinados sectores estarían encantados de que desaparecesen os cazadores. Despois botarían as mans a cabeza cando os problemas que xa temos, co xabaril por exemplo, empeorasen. Pero é evidente que quen pensa así nin vive no rural nin lle importa o máis mínimo. Os cazadores practicamos un deporte, pero tamén cumprimos unha función na sociedade. Estamos para arrimar o ombro e botar unha man cando se nos necesita. A declaración de emerxencia cinexética e unha ferramenta máis de xestión. Non obriga a ninguén a cazar máis. A decisión de cazar ou non cazar está sempre en mans dos tecores e dos cazadores. Pero esta ferramenta resulta necesaria en lugares concretos, con danos recorrentes e numerosos accidentes de circulación, que xa están poñendo en risco a viabilidade económica dalgúns tecores.