Lalín, 50 anos sen Franco

Rafael Iglesias Blanco

DEZA

cedida

22 nov 2025 . Actualizado a las 01:32 h.

Este 20 de novembro de 2025, conmemoráronse os 50 anos do falecemento do Ditador Franco, polo que quería poder manifestar unha serie de observacións encol desta efeméride en Lalín. Quen subscribe tiña só 13 anos. Acababa de ser «repatriado para a capital dezá» procedente do Sáhara (até aquelas, chamado Español) concretamente do "El Aaiún" porque nese ano 1975 precipitáronse algúns acontecementos, e o goberno con Franco en fase terminal de vida, decidiu evacuar a todo o persoal civil de ese territorio para ser repartido entre Marrocos e Mauritania.

Dicir que meu pai era funcionario, de profesión telegrafista, chamado Rafael Iglesias Abeledo, e que tiña 39 anos, (fora un neno nacido en setembro de 1936, xa comezada a Guerra Civil) con cinco fillos, sendo eu o máis vello, logo en 1976 nacería a última filla. A familia, vírase obrigada a regresar para Lalín xa que tiñamos unha casa con unha finca, no final da Corredoira, logo do Hotel Villanueva, xusto ao carón da actual rúa do Recanto.

Lembro perfectamente que asistía como adolescente estudante de 8º da EGB ao Colexio Público Comarcal, o que hoxe é o chamado Xesús Golmar, e que pola mañá dun frío día do outono lalinense, meus pais chamaron para escoitar pola televisión ao Presidente Arias Navarro anunciando a todos os de aquela "subditos" o falecemento do Ditador coa famosa frase que quedou gravada na TVE:« Españoles, Franco ha muerto» e logo soltar uns saloucos, xemendo de tristura e congoxa o logo coñecido coma o «Carniceiro de Málaga», que mesmo semellaba que tamén se lle ía marchar a vida ou acabara de morrer o seu propio pai, o miñaxoia, coitado el, até semellaba ter un feble corazonciño de humanidade.

Pasados 50 anos, gustaríame facer un pequeno resumo de como foi que chegou Franco a esa máxima representación de España. Foi por un golpe de estado tremendamente sanguento (el alzamiento nacional), logo de case tres anos de Guerra (in)Civil, no que aínda, a día de hoxe fainos estremecer e sobresaltar polo saldo de vítimas, a crueldade, o asañamento e a violencia política masiva, con cifras verdadeiramente conmovedoras xa que se cometeron atrocidades en masa por ambos bandos confrontados; porén pouco se fala das mulleres republicanas que sufriron violacións, vexacións como a inxestión do aceite de rícino e humillacións coma o rapado do seu cabelo.

Estimacións de diversos historiadores, afirman que en todo o Estado houbo máis de 500.000 mortos, dos cales 200.000 (150.000 no bando franquista e 50.000 polo republicano) foron por asasinatos sistemáticos, torturas e outras brutalidades durante o conflito, aos que hai que engadir 500.000 exiliados. Na chamada posguerra producíronse 50.000 execucións entre 1939 e 1946, e continúan en 3000 fosas documentadas preto de 115.000« desaparecidos». Salientar a obra gráfica das estampas da guerra do «gran artista» Castelao cos seus álbums de guerra: Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos.

Centrándome en Lalín, sorprende o paradoxo de que 50 anos despois da morte de Franco, o que era alcalde de Lalín, que xa levaba neste cargo 18 anos, (fora nomeado polo Ministro de Gobernación en 1957 e antes fora concelleiro desde 1947 polo tercio familiar) e que non cesou até as primeiras eleccións democráticas en 1979, leve aínda o seu nome unha avenida que está por detrás da Igrexa Parroquial, que vai dende o cruce da Praza da Igrexa até o actual Instituto Pintor Laxeiro; antes rúa A por ser as letras do alfabeto os nomes escollidos para bautizar as rúas do planeamento de 1975.

Manifestar que o nome actual da antes rúa A é completamente ilegal por tratarse dun alcalde da Ditadura de Franco, destacado militante do partido único de ese réxime, incluso antes do 18 de xullo, un “camisa vella” o cal se recolle con toda claridade na Lei de Memoria Democrática (LMD) de outubro de 2022 que fai referencia a que para dignificar ás vítimas da represión exercida despois do golpe militar de 1936, débense eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas en rúas e edificios públicos.

Falando de crimes e represión sobre as persoas vencidas, aquelas que se significaran pola lealdade á legalidade democrática republicana, e que foran detidas baixo diversas acusacións pola Garda Civil por ser «significados esquerdistas», por participar nos “sucesos revolucionarios do día 20 de xullo, por oporse ao «glorioso movemento nacional»; é dicir, por convocar e secundar unha folga xeral entre os traballadores contra o golpe militar e esixir o reparto das armas almacenadas e depositadas no cuartel da Garda Civil.

Consecuencia destas detencións e ante a falta de espazo no cárcere dos baixos do concello (hoxe a Biblioteca Municipal) e incluso no Hospitalillo (edificio que había na cima da Cacharela, onde hoxe está o Instituto Laxeiro) dous dos detidos cabecillas en Lalín, coa escusa do seu traslado a outras prisións habilitadas, son asasinados o 9 de outubro os veciños de Lalín á saída da vila de A Estrada, estrada de Chapa-Carril, quilómetro 23 á altura da Ponte Regueiro, o xefe da Policía Local de Lalín e o mestre da parroquia onde vivía, Moneixas, isto é Xesús Froiz Gómez (Partido Galeguista) e Manuel Guillán Abalo (PCE), natural de Vilagarcía e casado coa veciña de Lalín chamada Josefa Agulló Barral.

Un mes despois, na noite do 8 ao 9 de novembro de 1936, son asasinados seis veciños de Lalín conxuntamente con outros cinco do concello de Arbo, daquela presos no antigo Lazareto da Illa de San Simón convertido en campo de concentración, cando supostamente eran trasladados cara o cárcere de Ponte Caldelas, na estrada actual do trazado da N-541, na volta do Couto, Tenorio, de Cerdedo-Cotobade, os sindicalistas, líderes obreiros con gran influencia nos obreiros das empresas das obras do camiño de ferro, algún era tamén concelleiro na data do 18 de xullo: Luis Frade Pazos, José López Bermudez, Ramiro Granja González, José Montouto Rodríguez, Luis Varela Sobrado e Eliseo Garra Lalín, todos sen o xuízo farsa, un feito significativo de exemplo da utilización da violencia política do fascismo (terrorismo) por parte do capital, un evidente exemplo, levado ao extremo, da “loita de clases”.

No filme galego recentemente estreado nos cinemas das localidades importantes de Galiza, San Simón dirixida por Miguel Angel Delgado, faise mención expresamente a Lalín por esta numerosa saca nocturna de presos para lles dar o paseo que se fixo en novembro de 1936. Todos os 11 asasinados (os 6 de Lalín e os 5 de Arbo) na volta do Couto foron soterrados nunha fosa do cemiterio de Tenorio. Os seus restos, anos máis tarde, serán depositados no osario con outro cento aproximado por mor de obras de ampliación de dito cemiterio; polo cal, cando se intentaron rescatar do lugar da fosa en 2009, resoultou imposíbel localizalos e identificar. 

Os alcaldes republicanos, Manuel Ferreiro Panadeiros de (IR- Izquierda Republicana), de Ludeiro, Soutolongo; e Xesús Golmar Rodríguez do Partido Galeguista, natural de Santiso e mestre de Méixome, ambos os dous foron xulgados en diferentes «consellos de guerra por rebelión militar» e condenados a morte, o primeiro executado o 27 de agosto de 1936 e o segundo; foille conmutada a pena de morte por cadea perpetua, preso primeiro na Illa de San Simón, foi trasladado ao Forte de San Cristobal en Iruña/Pamplona, para logo ser posto en liberdade provisional en 1940, inhabilitado a perpetuidade para o exercicio da súa profesión pola Comisión Provincial de Depuración do Maxisterio coa imputación máis gravosa, a de culpábel de «nacionalismo/separatismo». faleceu en xaneiro de 1962, e inxustamente sen poder ter logrado a súa rehabilitación como mestre.

Con respecto a estes dous alcaldes republicanos resulta lóxico reclamar por iniciativa institucional do Concello de Lalín diante do Goberno Español para demandar iniciar o expediente administrativo perante o Ministro de Política Territorial e Memoria Democrática que declare a ilegalidade e ilexitimidade dos Consellos de Guerra que os condenaron durante o comezo da Ditadura Franquista e se faga unha declaración de recoñecemento e reparación das súas persoas, porque é de xustiza recuperar a necesaria reparación da súa dignidade diante da aberrante ignominia das súas sentenzas; e o mesmo vale para os concelleiros e traballadores funcionarios municipais da institución local “depurados”.

Volvendo ao nome da rúa do alcalde de maior duración durante a Ditadura, nada pode xustificar 50 anos despois do falecemento de Franco; nin se pode nin debería tentar branquear a súa implicación persoal e política derivada da súa moi larga e coñecida biografía de militancia na ultradereita, que poida xustificar diante da lexislación actual o manter o seu nome no rueiro local de Lalín. Aínda máis, compre asumir e recoñecer a magna contradición de non ter en ningún espazo público da nosa vila dedicado aos mártires locais, como pode ser a instalación da placa orixinal dos represaliados que foi instalada en Bos Aires na sede da Federación de Sociedades Galegas por iniciativa da Sociedade Unión do Partido de Lalín

Recoñecer que a denominada transición política da Ditadura á democracia actual non foi tan modélica como nos quixeron facer crer. Unha por que non se poido decidir que clase de réxime de sistema democrático escollería o pobo soberano do estado español nas urnas e a Lei de Amnistía non foi tampouco un modelo de reconciliación xa que valeu máis como «lei de punto final ao modo da arxentino ou de lei do esquecemento» para un numeroso de recoñecidos e verdadeiros verdugos do franquismo que aínda sobrevivían, moito máis que para baleirar os cárceres de presos políticos e o retorno dos exiliados. 

Como nacionalista galego quero pór en valor a representación naquela altura dos últimos tempos da II República en Lalín antes do golpe do 18 de xullo, no que no plano político organizativo foi o "galeguismo" do partido de Castelao e Bóveda, preto de 65 militantes e que acadaría unha gran incidencia social e política, até o punto de que o derradeiro alcalde republicano foi o dirixente nacionalista Xesús Golmar Rodríguez, que presidía o Consello Local do PG e do que formaban parte Xosé Fernández Corredoira, Ánxel García Guitián, Amancio Iglesias Trabazo (irmán de meu avó paterno, o carpinterio e contratista, Julio Iglesias Trabazo), Rafael Teixeiro Cuiñas, Antón González Vilanova, Xosé Otero Abeledo Laxeiro, Enrique Vidal Abascal, Fernando Calviño Ozores e Fernando Goianes Goianes. 

Son consciente de que todas as familias de Lalín, de un ou outro xeito, temos na liña de ascendentes, máis ou menos protagonistas implicados nos bandos contendentes desta Guerra Civil que levou como consecuencia, case preto de 40 anos de Ditadura presidida polo xeneral Francisco Franco Bahamonde; alguén poida considerar e pensar lexitimamente que "remexer no pasado" é un erro monumental e imperdonábel. Lonxe é a miña intención de xogar ao desquite político e sementar discordia nos descendestes directos de parentesco ou colaterais políticos; porén saber e recoñecer que todos os veciños antepasados foron reféns e vítimas de un tempo histórico, para o meu modo de ver, é moi necesario e incluso san.

Neste sentido, no plano persoal, tamén debo e podo dicir que o meu avó materno e o meu padriño de bautizo, foron combatentes no exercito golpista de Franco, seguramente non por vontade propia, que botaron tres anos de servizo militar, xa que eran da mesma quinta, nacidos no ano 1916; por tanto, tiñan 20 anos en 1936 cando foron recrutados, e aos que sempre lles oía dicir cando era un rapaciño e mozo textualmente: " que non é o mesmo falar da guerra que estar ou verse nela"

Si, eu son un neto e un afillado de dous veciños de Lalín, que cada un ao seu xeito, eran coñecidos e recoñecidos por moitas xentes, «convictos e confesos de ser franquistas», ambos os dous sempre camaradas e compañeiros de tertulias nas sobremesas prolongadas dos xantares de festas falando das súas batalliñas. Meu avó era José Blanco Guerra «O Español de Botos» e o meu padriño era Victorino Abeledo Losada, «O Capón de Lalín» (este segundo era o irmán máis xove da miña avoa Carmen Abeledo Losada, viciña do Barrio de Abaixo), todo un auténtico. como agora din algúns, un LTV (Lalinense de Toda a Vida). Para min, nunca souberon que esa guerra non se tratara da súa guerra.

Para rematar, fagamos o esforzo de coñecer e saber a nosa historia, porque a memoria, a verdade, a xustiza e a reparación teñen que formar e ser parte da celebración deste medio século sen Franco e que sexamos todas e todos activos defensores da democracia e a liberdade fronte aos perigos dos novos fascismos.

E termino con unha expresión dos perdedores, dos que foron masacrados, torturados perseguidos, presos e forzados ao exilio, cando teño no presente 63 anos e cumprirei en breve, os 64 anos, puntualizando que só co seu esquecemento e borrado da historia serán así derrotados, eles son parte de esa Galiza Mártir; parafraseando o discurso de Castelao, Alba de Gloria, son unha pequena representación significativa da moitedume de luciñas que representa o pobo, a enerxía colectiva, que nunca perece, esa infinita moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que somos e o que nós seremos, figuradamente, co puño erguido: Saúde e República!