O acto reuniu na Casa do Romano, en Gres, a amigos, patronos e veciños
28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Onte cumpríronse dez anos de aquel 27 de novembro no que empezamos o día coa aciaga noticia do pasamento de Xosé Neira Vilas que falecía na Casa do Romano, sede tamén da Fundación que leva o seu nome. Onte, de novo, amigos e veciños, voltaron a darse cita no camposanto de Gres onde repousa xunto a Anisia Miranda, a súa compañeira de vida para depositar unha ofrenda floral na súa lembranza.
Na Fundación as palabras do autor de Memorias dun Neno Labrego volveron a encher a sala co gallo da presentación do libro Correspondencia 1965-2014 que recolle en preto de 800 páxinas o intercambio epistolar que Neira Vilas e o profesor Xesús Alonso Montero mantiveron durante todos eses anos e que constitúen un privilexiado percorrido pola segunda metade do século XX e algo máis da primeira década do século XXI polas vivencias de ambos e a súas traxectorias e da carreira literaria de Neira e a edicións dalgúns dos seus libros, entre eles o de Memorias dun neno labrego.
No acto interviron Xesús Alonso Montero; o director xeral de Lingua, Valentín García; o director da editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo e o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo Neira. Os actos contaron coa asistencia de numerosos amigos, membros da Fundación e veciños que quixeron lembrar ao escritor cruceño.