«Eu fago todas as sobremesas, cobro no restaurante e atendo á xente»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Acode ao colectivo varios días á semana, todo compaxinado co traballo no local familiar

06 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A asemblea xeral das Nacións Unidas decretou no ano 1992 mediante resolución declarar o 3 de decembro como Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e poñer en axenda mundial as dificultades que atravesan dentro da sociedade. Discapacidades cognitivas, físicas, intelectuais, sensoriais ou pluridiscapacidades con importante presenza en Galicia que, á espera de coñecerse os datos correspondentes ao actual exercicio de 2025, cifra en 53.000 as persoas con certificado de incapacidade permanente e en máis de 21.500 as que están en centros, según o balance publicado o ano pasado.

Lalín conta cun centro no que persoas con discapacidade atopan un sitio no que dar o mellor delas mesmas a través de formación, talleres e actividades múltiples. Aspadeza leva vintecinco anos dándolles acubillo en Mouriscade, actualmente con 38 usuarios entre os que se atopa a lalinense Neri Sanmartín Soto, toda unha veterana da institución que mesmo forma parte da súa xunta directiva.

—Dende cando é usuaria da Asociación Aspadeza?

—Desde o comezo. Foi no ano 2000. Despois deixei de vir algúns anos, que había moito traballo na casa, e agora levo creo que doce anos.

—Foi entón das primeiras persoas que entrou na asociación cando aínda a sede era na rúa da Ponte.

—Eramos oito usuarios os que empezamos alí, eu era unha delas, e aínda quedamos bastantes daquel primeiro grupo. Non sei, ao mellor somos cinco ou seis...

—Como coñeceu a asociación?

—Foi por Mari Carmen González e Javier Brandido (uns dos fundadores na posta en marcha do colectivo) que viñeron a miña casa falar cos meus pais. Estaban pensando en abrir a asociación e estaban buscando socios que lles axudasen. Meus pais foron socios fundadores de Aspadeza.

—Acórdase dos primeiros anos na asociación?

—Si. Eramos poucos, estabamos nun sitio máis pequeno, e faciamos tapices, pintura e tamén tiñamos un invernadoiro no que coidabamos plantas.

—Polo que comenta xa eran anos nos que levaban a cabo distintas actividades.

—É que as persoas coma min podemos facer moito! Eu fago as sobremesas todas no restaurante da familia (Casa San Martín, no Corpiño) cobro os menús, fago o café e tamén atendo á xente que vén. Eso é algo que me gusta moito. Todos os que veñen pola casa, coñécenme e saúdanme. Falar coa xente é moi bonito.

—Vexo que é unha peza imprescindible no restaurante, e xa entendo polo que non pode estar todos os días no centro.

—Claro (ri). Ao centro veño moi contenta, pero na casa tamén me necesitan, e vou compaxinando unha cousa coa outra. A Aspadeza depende da semana, pero estou dous ou tres días e o resto na casa.

—Chámame moito a atención que se fago cargo de todas as sobremesas do restaurante. De quen aprendeu?

—Da miña irmá Cecilia (ri). Dánseme moi ben as filloas, a leite frita, as orellas, flan de café, os biscoitos e a mousse de limón. Gústame moito facer os doces, e leva o seu tempo... Hai moito traballo no restaurante e non podo ir todos os días a Aspadeza.

—Tan acostumada que está a non parar, na asociación tamén é de estar bulindo?

—Si (ri). No centro tamén sempre hai moito que facer. Agora mesmo estabamos cos ensaios para o festival de Nadal, que imos ter dentro duns días. Todos os días hai actividades, temos talleres, facemos deporte e despois tamén imos ás excursións e aos campamentos. Aquí pasámolo moi ben, e penso que todos estamos contentos.

«A maioría da xente pórtase moi ben con nós, creo que moito mellor que antes»

Neri San Martín é perfecta coñecedora da evolución que sufriu a Asociación Aspadeza desde o seu comezo, pero tamén do comportamento da cidadanía cara as persoas con discapacidade. Ao seu parecer as circunstancias van mudando e a sociedade os mira con outros ollos. «A min sempre me trataron ben, e quérenme moito tanto na casa como as persoas que veñen ao restaurante. A xente nunca se portou mal comigo, e a maioría da xente pórtase moi ben con nós, creo que agora moito mellor que antes». Un cambio de mentalidade nun amplo sector da sociedade que é apreciado maioritariamente polos usuarios de Aspadeza, e do que van dando conta nos talleres de comunicación que se celebran os luns na asociación e aos que asiste Neri. Aínda que para a veterana usuaria de Aspadeza o que máis lle gusta, di, é o deporte e falar cos compañeiros e traballadores do centro.

Unha asociación que está agora mesmo centrada nas actividades de Nadal, ao igual que a maioría de colectivos, elaborando pequenos agasallos que poñerán á venda no Centro Comercial Pontiñas, como é xa tradición «e andamos tamén co festival que levamos ensaiando desde fai moitas semanas e despois os venres todos facemos unha festa no bar do cuberto onde o pasamos moi ben», comenta Neri.

Na súa calidade de vogal da Asociación Aspadeza, Neri Sanmartín, está sempre presente nas distintas reunións e a xuízo dos compañeiros ten moita iniciativa e aporta sempre moitas ideas, ao igual que o facía o tristemente usuario finado José García, que ocupaba con anterioridade a praza da que se fixo cargo Neri, que leva dous anos na vogalía. «Estou moi contenta de estar aí e sempre que se me ocorre algo dígollo, e se se pode facer pois para diante».