A insólita homenaxe do seu pobo a Neira Vilas

P. V. LALÍN / LA VOZ

A ESTRADA

pablo viz

O doutor Reimóndez Portela activara escolares, xentes da zona e a voz de Díaz PardoA nai do escritor tivo protagonismo grande ao descubrir o monólito co día que nace o autor Agora van 25 anos de Fundación, 35 daquela festa e no 2018 serán 90 do seu nacemento Preto do segundo cabodano do seu falecemento sucédense moitas efemérides

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O titular é de Díaz Pardo que foi quen puxo oratoria e ideas -«Non quero valorar nin para ben nin para mal o que neste vintetantos anos aconteceu en Cuba porque elo podería dividirnos e hoxe estamos acó unidos para render homenaxe»- naquel 9 de outubro de 1982. Deulle pulo a un acto que activara Manuel Reimóndez Portela dende o CIT da Estrada. Chovía e facía sol os poucos ó pe da casa do Romano aquela tardiña. Arremuiñábase a xente do lugar, da bisbarra e de Galicia. Fixéronse notar os rapaces das escolas con un texto lido por una nena de Oca representando os colexios da Estrada e outro texto que corría como a pólvora daquela e hoxe polas aldeas e vilas que leu un neno de Cruces polos colexios de Touro, Arca, A Bandeira, Silleda, Piloño e dos de Cruces e que empezaba e segue empezando con Eu son Balbino... E, antes, cánticos, entroutros lembro escoitar Na veira do mar. E logo festa de gaita e baile na Insua de San Ramón.

A pe da casa do Romano fixouse un monólito, penedo heptagonal de 2,5 metros que leva escrito Nesta casa naceu Xosé Neira Vilas 3-Nov.-1928 e varios textos. Hai agora 35 anos daquel insólito homenaxe a un veciño que non puido estar por estar en Cuba pensando en volver a cumprir un soño, o de ter unha Fundación para manter vivo e difundir o seu patrimonio cultural outros patrimonios e o patrimonio rural. Ocorrería esa firma hai 25 años e un ano despois, 1993, inaugurouse o cambio da Casa do Romano na de Neira Vilas, un polo de desenvolvemento sociocultural rural. Un ben prezado. E todo isto, agora, en marcadas efemérides: a pouco dos dous anos do pasamento do escritor e cando o día 3 haberá 89 do seu nacemento.

«Falar de Neira Vilas é unha cousa complicada e conflitiva»

Señor secretario da Xunta de Galicia que trae a representación do presidente da Xunta, señora mai de Xosé Neira Vilas, señoras, donas, miñas donas e meus señores… Ó presidente da Real Academia, doutor García Sabel, que había de vir comigo, presentáronselle cousas ineludibles e non pode vir. Quero facer nota da súa profesión de estar aquí presente da súa imposibilidade por estar atendendo a unhas cousa que a todos nos interesan.

Falar de Neira Vilas é una cousa moi complicada, é unha cousa moi conflitiva, entonces, eu, nun acto tan conflitivo tamén como este, trouxen tres cuartelas que lerei deseguida para ver de ser o máis exacto e non equivocarme. Digo nelas: Penso que a asunción desta homenaxe por Xosé Neira Vilas ten que ser un dilema para el. Un acto no que o seu pobo dun xeito insólito sobre todo entre nos que non facemos máis que homenaxes aos mortos, erguer un monólito para significar que aquí naceu, a este home que aínda vive, reclamando este feito tan importante de ser esta terra á que pertence un escritor que acadou sona dende un rincón modesto da emigración polas súas propias virtudes.

Feliz polo valor da súas xentes

Penso no seu dilema porque o coñezo dende fai trinta anos cando os dous eramos emigrantes na República Arxentina. Precisamente este feito de ser irmáns na diáspora xunto co de ser eu un dos seus editores en Galicia deben ser as únicas razóns que tivo o doutor Reimóndez Portela para determinar que fose eu o que diga estas palabras neste acto. Non teño ningún outro mérito máis para estar aquí que o de ser compañeiro na diáspora de Xosé Neira Vilas e de participar nunha editorial que lle edita libros a el. Penso que Neira Vilas estará por unha banda feliz de comprobar o valor que teñen as súas xentes por haber entendido a mensaxe de amor e de esperanza a súa terra que el mandou aos catro ventos nos seus libros. Máis por outra banda estará ermo, asolado, sen saber por onde agacharse, como avergoñado desta homenaxe que se lle fai, que de feito supón un ataque a súa natural modestia recibindo un recoñecemento que non pediu porque el non escribe para ganar sona nin favores nin para ganar cartos senón para dicir o que di o que ten necesidade de dicir deixando testemuña do que viron os seus ollos enchidos de amor polo seu pobo, polas súas cousas, sempre ó lado das causas xustas. Así, eu non sabía si felicitalo ou si consolalo dos inconvintes que ten o facer as cousas ben cando os destinatarios teñen ollos para ver e ouvidos para escoitar como os teñen as xentes desta bisbarra que queren deixar constancia da recepción da súa mensaxe. Trátase duna das contradicións que padece o home.

En Buenos Aires, Neira Vilas conectou e foi entendido por tres homes galegos marabillosos. Non eran desterrados por motivos económicos senón exiliados por motivos de dignidade humana, posuidores dun inmenso talento no campo das artes e das letras e da mellor información que se pode ter hoxe. Xa se sabe que estou a falar de Rafael Dieste, de Luís Seoane e de Lorenzo Varela. Xa os tres devolveron á terra os seus corpos que ela lles había prestado, pero os seu espíritos e a lección que nos deixaron coa súa conduta seguen vivos entre nos.

Entendeu a Dieste, Seoane e Lorenzo Varela

En Buenos Aires, os tres formaban un entendementos das cousas de Galicia, das cousas da vida, da artes, das ciencias, da política que máis de un intelectual consideraba como una entente impenetrable. E, ao pesar do que estes tres homes teñen feito pola cultura galega na América, penso que non foron en ningún intre ben entendidos. Neira Vilas si, entrou no círculo destes tres homes. O primeiro libro de Neira Vilas

Dende Lonxe,

publicado en Buenos Aires en 1960, leva un prólogo de Rafael Dieste no que saúda a súa poesía militante. E, a primeira edición de

Memorias dun neno labrego,

publicada tamén en Buenos Aires no ano 61, leva una tapa de Luís Seoane.

Pepe Neira Vilas, casado facía uns anos cunha rapaza escritora cubana, filla dun emigrante galego, a quen non se pode esquecer neste acto porque o acompañou sempre, exiliados os dous pai e filla na República Arxentina do réxime de Batista, cando o Movemento 26 de xullo trunfa en Cuba. Os exiliados que había centrifugado o réxime de Batista volven a illa e Neira Vilas segue a súa muller e ao seu sogro máis non por compromiso familiar senón polo mesmo compromiso que tivo sempre o de estar ao lado das causas xustas.

Valorar hoxe Cuba podería divirnos

Non quero valorar nin para ben nin para mal o que nestes vintetantos anos aconteceu en Cuba porque elo podería dividirnos e hoxe estamos acó unidos para render homenaxe a un home e a un escritor. Máis chega un intre en que un home vese obrigado a ter que elixir e dificilmente alguén que teña conciencia e coñeza a sorte que corren os pobos hispanoamericanos logo de que se ceibaran da súa patria mai, España, e se viran sometidos a unha constante e brutal explotación polo veciño do norte, alguén que coñeza isto, digo, sabe que a única solución para estes pobos, incluso dende o punto de vistas cultural pasa por se zafar da influencia anglosaxona e retomar o camiño das súas raiceiras ibéricas fora das que os pobos de América perden as súas sinais de identidade e todo o demais. Fica acó a miña homenaxe a Xosé Neira Vilas e tamén ao seu pobo de Gres.