O Museo da Pesca do Salmón en Vedra permite coñecer o pasado desta arte nos concellos da ribeira deste río
01 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Museo da Pesca do Salmón no Concello de Vedra (A Coruña) achase nas ribeiras do Ulla preto da Ponte de Sarandón, que aquí marca o comezo do celebre couto pesqueiro de Ximonde. Da man de Manuel Aldariz, propietario xunto a súa dona do aloxamento de turismo rural Casa Súarez, en cuxos xardíns se atopa este singular museo privado, tivemos ocasión de visitar esta exposición que amosa a historia e a tradición da pesca do salmón nestas terras do Ulla.
No museo poden ollarse centos de fotos e vídeos, aparellos de pesca, trofeos, diversas publicacións e paneis explicativos, que testemuñan interesantes aspectos da historia dos coutos de pesca deste treito final do Ulla: as xornadas de pesca do Generalísimo, os grandes pescadores dos coutos do Ulla coma Pepe Suárez, sogro do noso anfitrión, a chegada de afeccionados de Alemaña, Portugal, Francia e outros países de Europa que se mesturaban cos ribeiraos das parroquias de A Estrada, Vedra, Teo ou Silleda; as competicións de pesca, a bendición das canas ó iniciar cada tempada, o traballo dos gardarríos ou dos furtivos.
Ximonde, o seu couto favorito
O couto de pesca de Ximonde era o preferido de Francisco Franco e non podían faltar neste museo fotos e mesmo útiles de pesca que usaba o Generalísimo naqueles anos en que o que entón xefe do Estado era asiduo do couto de Ximonde. Aquí requiría a Pepe Súarez o que fora dono desta casa, para que o acompañara coma experto guía así coma de outros ribeiras que coñecían con detalle os mellores recantos e mañas para a pesca do salmón. Eran aquelas xornadas que recollían con detalle os NO-DO e os medios de comunicación de entón nos que aparecía o Caudillo practicando o seu deporte favorito mostrando logo moitos e bos exemplares de salmón. Conta o estimado Manuel Aldariz, arredor destas xornadas piscícolas tecéronse moitas moitas lendas, coma a de que un home ra da Armada lle poñía ao Caudillo os salmóns nos anzois, ou eran expertos ribeiráns quenes os pescaban para logo el poñerllos en restra e facer as fotos. «O certo é -conta Aldariz- que cando viña ao couto de Ximonde, uns días antes regulábase a presa de xeito que o caudal quedara baixo e os salmóns non puideran saltar a tosta e seguir río arriba e tamén se prohibía a pesca en todo o couto, e así era doado que picaran moitos e bos exemplares». Logo das xornadas de pesca de Franco dábanse permisos aos pescadores que o solicitaban e que aproveitaban a concentración de salmóns, para realizar boas capturas chegando algún pescar deica trinta exemplares nunha xornada. Daquela había moitos salmón no río e aínda nos anos 80 as capturas superaban as 500 pezas, sen contar coas que pescaban os furtivos. Agora nin a metade da metade.
Quen iniciara a Franco na pesca do salmón conta o noso amigo e compañeiro nesta visita Pablo Sanmartín de Teo, foi Maximino Rodríguez Feijóo-Borrell, alcumado Max Borrell, natural e veciño de A Coruña, provincia da que chegou a ser gobernador civil naqueles anos da ditadura. Estaba casado cunha filla do célebre pintor Fernando Álvarez de Sotomayor, sendo asiduo visitante no Pazo de Meirás onde fixaba e residencia de verán o Generalísimo, a quen acompañaba na pesca polos coutos do Ulla e outros de Galicia e Asturias e tamén cando se facía ao mar a bordo do yate Azor na procura de atúns.
A idea dun parador de turismo en Pontevea e a Festa do Salmón que celebra A Estrada
A pesca do salmón foi deica o último terzo de século pasado unha actividade de interese económico moi importante para os concellos da ribeira do Ulla. A tal punto que a mediados do século pasado pretendíase dotar a zona dun parador de turismo a emprazar en Pontevea. O desaparecido xornalista Jesús Rey Alvite nunha crónica que publicaba El Pueblo Gallego en 1959 expoñía os argumentos que sinalaban a conveñenza dun parador e no 1963 o Concello de Teo solicitou a súa construción e o de Vedra mesmo chegou a ofrecer os terreos precisos para a súa instalación que nunca se chegaría a concretar. Ese equipamento turístico quedou nunha mera declaración de intencións.
O que si cristalizou foi a Festa do Salmón que organiza anualmente o Concello de A Estrada da que xa se levan celebradas 43 edicións, sendo cita ineludible no calendario das festas gastronómica de toda Galicia. Os concellos da ribeira do Ulla seguen vendo na pesca do salmón, a súa gastronomía e os seus escenarios naturais, un importante recurso turístico de grande potencial cara o futuro.
Os coutos de Sinde, Pontevea, Santeles e o referido de Ximonde son os coutos de salmón mais concorridos e prezados de Galicia e contan cun refuxio de pescadores, un pequeno centro de interpretación do río Ulla, unha estación ictiolóxica de cría e reprodución do salmón, lucidas pontes colgantes e fermosas cascadas que atravesan este río repleto de postos de pesca e diversas instalacións deportivas e para o lecer que poden gozar quenes se achegan aquí para pescar ou mesmo a pasear e gozar da natureza.