«A miña incorporación a Madrid non irá en detrimento do que se fai na Estrada»

A ESTRADA

Juan Constenla asume o posto cunha mestura de orgullo, responsabilidade e inquietude
26 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Juan Constenla (A Estrada, 1964) será deputado no Congreso polo PP trala renuncia de María Ramallo. Poucos días despois de coñecer o seu salto á política nacional, este inxeniero técnico agrícola repasa a súa traxectoria na política.
-Cando entrou en política activa?
-Foi no ano 2011, cando José López foi elexido alcalde. Antes tiña ido en listas municipais, pero foi nese ano cando entrei como concelleiro. De xeito orgánico cara o 2007 fora nomeado presidente da xestora do PP na Estrada, e no congreso do 2010 José López fora elexido como presidente e eu secretario xeral.
-Que o levou a involucrarse na política?
-Sempre tiven inquedanzas por facer cousas polo noso pobo e tamén me motivou o equipo humano que había. Sobre todo con José, que ademais dunha amizade persoal, fomos da man cando nos plantexamos retomar o partido trala perda da alcaldía no 2007 e o peche da etapa de Ramón Campos. Traballamos ata reorganizar o partido e chegar ata o que é hoxe, despois de nomear candidato a López e acadar a alcaldía.
-Sempre foi un fixo nos gobernos de López Campos.
-Sempre fun primeiro teniente de alcalde, e sempre coas concellerías de Obras e Servizos no Rural, Medio Ambiente, Cultura e Normalización Lingüística.
-Dende a oposición consideran incompatible as súas responsabilidades municipais con ser deputado no Congreso. Como o ve?.
-Neste momento a situación é un pouco rara. O traballo en Madrid por videoconferencia permitirame compaxinar ese traballo co da corporación. E logo, no departamento de Cultura, moi activo na Estrada e envexable por moitos concellos das nosas características, conto cun equipo fundamental, cos técnicos de Cultura, que son quen en realidade organizan todas as programacións e actos, co que non sería complicado de levar. En canto a Rural e Obras trataremos de levalo, e se non tamén teño ademais do equipo dese departamento a todos os compañeiros de goberno que estamos traballando todos a unha para que non se note a miña falta física na Estrada. Pouco a pouco haberá que ver como vai discorrendo a situación. O que podo asegurar e transmitir a toda a cidadanía é que a miña incorporación como deputado en Madrid non irá en detrimento de todo o que se fai na Estrada e do que queda por facer. Non quedará abandonado o rural nin as obras.
-Esperan logo a ver como se concilian na práctica a política local e a nacional.
-Se hai que facer alguha modificación ou adaptación, por suposto que se fará.
-Unha demanda clara é a variante da Estrada, ten xa máis cousas en carteira?.
-Agora mesmo estou aterrizando e preparando. Como estradense a variante é unha das reivindicacións que temos de hai moitos anos. Compartirei as demandas da Estrada coas de toda a provincia, xa que son deputado de toda Pontevedra e sobre todo de Tabeirós, Terra de Montes e Deza. Alí traballarei con Diego Gago e Javier Bas para presentar todas as demandas e pelexalas pola provincia.
-Como coñeceu o nomeamento?
-Por unha chamada de Alfonso Rueda dende o partido, para comunicarme a decisión de María Ramallo de dimitir para centrarse na alcaldía de Marín.
-E como o recibeu? Responsabilidade, alegría, orgullo?
-Un pouco cunha mestura de todo: orgullo, responsabilidade, inquietude por saber o que me vou atopar nesta nova etapa en política que me toca vivir. E a responsabilidade de facer un bo papel, despois do listón tan alto que deixa María Ramallo. Tratarei de non defraudar a ninguén e facer as cousas o mellor posible. Non estarei só, como xa dixen formarei parte dun equipo que xa está asentado en Madrid, e traballarei con eles cóbado con cóbado para conseguir todo o mellor.